Crocante de cereixas con xeado de amorodos

Que ledicia traervos esta segunda Bico receita en colaboración con @bicodegrao! Nesta ocasión imos aproveitar as cereixas e os amorodos por seren froitas de tempada e teño que confesarvos que cociñar cos produtos ecolóxicos de @bicodegrao é unha gozada. Convídovos a pasarvos pola súa tenda e a preparar esta bico receita ideal para o verán.👩🍳

🌱🌾 Todos os ingredientes son ecolóxicos e da tenda @bicodegrao

Ingredientes para o crocante de cereixas:

🔸 500 g de cereixas
🔸 150 g de fariña de trigo ecolóxica
🔸 80 g de manteiga
🔸 80 g de azucre cubano ecolóxico
🔸 1 cullerada de canela
🔸 1 laranxa
🔸 1 presada de noces

Ingredeintes para o xeado:

🔸 2 plátanos
🔸 100 g de amorodos
🔸 2 culleradas de leite

Podedes falar coas rapazas de Bico de Grao a través da súa conta @bicodegrao e decirlles que ides facer esta receita e teránvos preparados todos os ingredientes para que non se vos esqueza ningún. 😉

Preparación:⁠

  1. Para facemos o crocante de cereixas o primeiro paso é quitarmos a carabuña das cereixas. Cando as teñamos listas, poñémolas nun cunco e engadímoslle o zume de laranxa. Botámolas no recipiente que imos empregar para facermos o crocante e reservamos.
  2. Para facermos a masa que cubrirá as cereixas, mesturamos a fariña, co azucre, coa canela, coas noces esmiuzadas e a manteiga. Cómpre que a manteiga estea a temperatura ambiente para que nos sexa máis doado traballar a masa. Nesta ocasión non debemos usar batedor, senón que temos que mesturalo todo coas mans até obtermos unha masa homoxénea e cunha textura areosa, isto é, como se fosen migas de pan.
  3. Repartimos a masa sobre as cereixas creando unha capa fina e enfornamos a 180ºC uns 20-25 minutos ou até que a capa superior fique dourada.
  4. Para facermos o xeado de amorodos, temos que conxelar os dous plátanos e os amorodos en anacos pequenos. A seguir, trituramos todo con dúas culleradas de leite até conseguirmos a textura de xeado.
  5. Servimos o noso crocante de cereixas co xeado e listo. Bo proveito! 😉

🍊 Se fas esta receita, non esquezas etiquetarnos e partillala co cancelo #medialaranxa !!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario