fbpx
CulturaGaliciaNovas

Néboa, gañadores do Premio MIN ao mellor álbum en galego

Onte celebrouse en Burgos a XIIIª edición dos Premios MIN, da música independente española, organizados pola Unión Fonográfica Independiente. O galardón de Mellor Álbum en galego foi para ‘A realidade enganosa’ (Raso, 2020), primeiro disco longo do quinteto Néboa tras un EP e varios singles.

Néboa son Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi. No seu bandcamp explican que co dedo índice moi limpo, Néboa pasou a xema do dedo polas marxes que parecían delimitar a distancia entre a indietrónica, a música tradicional galega, a poesía elíptica, o jazz de vodevil, o pop alternativo, a extimidad da canción de autor e a idea dun pop internacionalista (daquela ‘internacional’, este pop global); e con todo o po que queda adherido ao dedo, constrúen un castelo sonoro que é, á vez, unha pequena casiña en metade dun aldea e un rañaceos infinito.

Neste primeiro álbum proxectan un código absolutamente singular no ecosistema do pop alternativo europeo. Coma se dunha coctelera con sabores que van desde Radiohead, Dirty Projectors ou Sigur Rós ata Vainica Dobre, Nadadora ou Le Mans; desde Los Piratas a Milladoiro, do son de marimbas post- millennial de Son Rompe Pera ata unha mirada de autor que achega posturas con Maria do Mar Bonet.

Con dous temas cantados en portugués e unha produción que se bifurcou entre gran parte do repertorio gravado e producido por Lucas de Centi no icónico Náutico de San Vicente do Mar e o traballo do prestixioso produtor galego Hevi (líder de proxectos de culto como Malandrómeda ou Fluzo, e produtor de artistas como Novidades Carminha, Esteban & Manuel ou Faia, entre outros) no seu estudo Laboratorio Soyuz; Néboa compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis profundo da canción de autor tradicional.

Triángulo de Amor Bizarro

Os outros triunfadores galegos da noite foron Triángulo de Amor Bizarro co seu traballo de nome inverso oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow, 2020) polo cal recibiron dous dos catro premios aos que optaban: o importante Premio The Orchard ao ‘Álbum del año’ e o Premio SAE Institute a ‘Mejor Producción’.

Delaporte conseguiu tres das cinco figuras do certame: mellor videoclip, mellor gravación electrónica e mellor artista.