domingo, 4 de xullo de 2021

Pasta con pesto de cacahuetes

Boa tarde, bolboreteir@s! Andamos xa metidos de cheo no verán, ou iso di o calendario e nesta casa de feito xa comezamos as vacacións. Unhas vacacións que imos aproveitar para, entre outras cousas, cociñar, cociñar e cociñar. Hai moito que aprender neste espazo da casa no que tanto gozamos. Pero tamén habemos de saír papar fóra, que tamén leva moita ensinanza :-)

E probando e argallando traémosvos esta receita de pasta con pesto de cacahuetes. Nós cada vez tentamos darlle máis cabida aos froitos secos nos nosos pratos, unhas veces con máis acerto e outras con menos. E desta volta, aínda que con certo medo, acabamos por descubrir unha delicia. Non era nin moito menos a primeira volta que faciamos pesto pero si desta maneira. Aproveitamos pois, a excedencia de alfábega pola casa e veña, á tixola!!



Pasta con pesto de cacahuetes


Ingredientes:

  • Tallarines
  • Tomatiños cereixa    
  • Olivas
  •  1 chile
  • Aceite de oliva
Para o pesto: 
  • 1 presa de cacahuetes
  • 1 presa de alfábega
  • Queixo
  • Aceite de oliva virxe

Utensilios: unha pota grande, unha tixola, o vaso do batedor e o batedor eléctrico.


Elaboración:

Para comezarmos, temos de cocer a pasta seguindo as instruccións do fabricante. Reservamos. 


Nunha tixola, quentamos un pouco de aceite cun chile e os tomatiños. Cociñamos 4-5 minutos. 


Mentres tanto, botamos no vaso do batedor os cacahuetes. 

A alfábega. 


O queixo relado. Nós usamos Gruyère, mais podedes usar Grana Padano, Parmiggiano...


Botamos 2-3 culleradas de aceite de Oliva Virxe Extra e trituramos moi ben. Reservamos.


Agregamos na tixola  a pasta fritimos uns minutos.

                                                         

E botamos o pesto. 


E tamén as olivas. Mesturamos moi ben.


Servimos e xa estarían listos para comer! 


Agardamos que vos gusten e que poñades esta receita en práctica. 


Xa sabedes que, como practicamente todo o gastronómico, queda a adaptación nas vosas mans para dar o toque persoal. Iso si, aínda que teñades a tentación de retirar as olivas, recomendamos mantelas xa que dan un toque de intensidade necesario no prato. Gozádea, amig@s!!!

1 comentario: