fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

Novo aire para Hostalaría Compostela na súa estreada Xunta Directiva

Mayka Mera, Thor Rodríguez e Javier Míguez.

A Asociación Hostalaría Compostela estrea nova Xunta Directiva que preside Thor Rodríguez, propietario do café bar especial O Boneco. Despois duns meses co mando nas mans do xerente da entidade, Ramón García, tras cederlle as súas competencias os anteriores dirixentes, a Asamblea Xeral Extraordinaria celebrada onte proclamou vencedora á única candidatura presentada nestes comicios.

O equipo, formado por seis persoas da rama da restauración e seis persoas da rama de hospedaxe, márcase como principais obxectivos darlle un novo aire á asociación, deixando atrás situacións do pasado, abríndose á sociedade e defendendo os intereses dun sector moi castigado pola crise da covid-19.

“A entidade, que é pioneira do asociacionismo, conta actualmente con máis de 600 locais asociados de Santiago e a súa contorna e queremos chegar a máis. A intención é aumentar a masa social, porque cantos máis sexamos, máis forza teremos para saír xuntos desta crise tan grave que vivimos desde fai un ano e medio”, explicou o presidente nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por dous dos directivos: Mayka Mera, da Pensión O Muíño, e Javier Míguez, da Bodeguilla de San Lázaro. Thor destacou que a nova Hostalaría Compostela é unha asociación “aberta a falar e colaborar con todo o mundo”, que buscará “o diálogo constante coas institucións e todos os partidos políticos”.

Outro dos seus retos será o de mellorar a oferta formativa aproveitando as instalacións coas que dispoñen na Rúa Salvadas e organizar diversos eventos gastronómicos e culturais que axuden a dinamizar á cidade en épocas de menor impacto turístico.

A nova Xunta Directiva da Asociación Hostalaría Compostela está formada doce persoas que representan a diversidade da hostalaría de Compostela e a súa comarca. “Formamos parte deste equipo hostaleiros con moita tradición, xente con proxectos novos, locais do Camiño de Santiago, hoteis, pensións, cámpings, restaurantes, bares, bares de copas…”, sinalou Thor. 

O acto rematou brindando cun viño Olivia Rosé da adega Pazo Pondal.

A nova Xunta Directiva está formada por:

PRESIDENTE: Thor Rodríguez Carbón (O Boneco)

VICEPRESIDENTE: Gonzalo A. Fernández López (Pensión Casa Magoa)

VOGAIS RESTAURACIÓN:
Avelino Martínez Paredes (O Dezaseis)
Javier Míguez Nimo (Bodeguilla de San Lázaro)
Miguel Viaño Illodo (O Rei do Bocadillo)
Jesús Peón Otero (Café Bar Polígono)
Circe Dolores Rodríguez Carbón (Restaurante Pumar)

VOGAIS HOSPEDAXE:
Óscar García Castro (Hotel Garcas)
Mayka Mera Brea (Pensión O Muíño)
Carlos Regueiro Quintás (Hotel San Lorenzo)
José Luis Seoane Montero (Hotel Castro)
Iria Asorey Tourón (Camping As Cancelas)