Actualidade Presentan unha demanda contra Activision Blizzard por discriminación e acoso sexual

Presentan unha demanda contra Activision Blizzard por discriminación e acoso sexual

O  departamento de emprego e vivenda de California interpuxo o 20 de xullo unha demanda contra Activision Blizzard por acoso sexual e discriminación racial e de xénero.

O documento reflicte e resume dous anos de investigacións e fala en termos tan coñecidos como a chamada «bro culture», comportamento case sectario, que imperaría dentro da empresa, á vez que permitiría un abuso de índole sexual sobre as empregadas e de recepción de comentarios non desexados.

O escándalo non remata aí. O informe tamén sinala que as mulleres do estudio reciben unha peor remuneración polo mesmo traballo polo simple feito de ser mulleres, á vez que as súas posibilidades de ascenso son menores e máis lentas.

En varias partes do documento coméntanse exemplos concretos, como que no grupo de traballo dedicado a World of Warcraft os supervisores tentaban ligar unha e outra vez coas empregadas, amais de faceren comentarios aldraxantes sobre violacións e similares. Na sección de testemuños, varias empregadas acusan directamente a un antigo responsable da división de tecnoloxía de emborracharse en festas e eventos da compañía e tocar ás traballadoras.

A parte final do documento explica que o departamento de emprego e vivenda de California tentou mediar en varios casos entre os empregados, os antigos empregados e o estudio; mais ningún intento chegou a bo porto. O departamento californiano esixe agora a Blizzard que pague danos e compensacións ás traballadoras afectadas.

Doutra banda, a empresa de videoxogos nega todas as acusacións.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.