A Batalla dos Planetas fai-se cun guionista

963

O guionista de F9: The Fast Saga, Daniel Casey, ven de recibir o encargo de escribir para a AGBO a adaptación ao cinema da clásica série de anime xaponesa dos anos 70 Kagaku Ninja Tai Gatchaman.

Casey traballará cos fundadores da AGBO e directores de Avengers: Endgame, Joe e Anthony Russo, e cos creadores da série de anime orixinal, a Tatsunoko Productions, para explorar e expandir a propiedade o mais posíbel. O plan é crear os alicerces para un universo cinematográfico e que esta longametraxe funcione coma plataforma de lanzamento dunha franquía a través de diversos médios.

Battle of the Planets (A Batalla dos Planetas) é a adaptación americanizada da série orixinal xaponesa de 1972, que chegou a Galiza aló polos anos 80. A história ía sobre un grupo de rapaces, coñecidos coma a “Forza G”, que conforma un comando de élite interplanetário que loita contra os inimigos da Terra, perigosos invasores doutros planetas, e especialmente o malvado Zoltar.

A série foi alterada substancialmente fóra de Xapón para lle quitar os elementos de mais violéncia e face-la apta para os nenos, pero mália iso, mantívo-se abondo fiel ao orixinal e grazas a ela o anime comezou a influír a toda unha xeración, á que se lle presentou todo un novo mundo de debuxos animados. Os irmáns Russo levaban atrás deste proxecto polo menos un par de anos.