Nokia presenta un smartphone de grande resistencia

martes, 27 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Para os usuarios que precisan dun smartphone resistente presentan o Nokia XR20, un teléfono que sairá á venda a mediados de agosto a un prezo 569 euros na súa versión con 6 GB de RAM e 128 Gb de almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), co que deixan claro que estamos ante un dispositivo de prestacións completas que non se limita a soportar duras condicións de uso.
Un detalle a salientar deste novo teléfono son as súas garantías, xa que Nokia garante que recibirá actualizacións de seguridade durante 4 anos, actualizacións de sistema operativo durante 3 anos e incluso a substitución de pantalla de balde durante un ano (o que supón unha grande tranquilidade para moitos usuarios).
O Nokia XR20 está deseñado para durar, cunha carcasa ultrarresistente e un cristal moi duro (Corning Gorilla Glass Victus), de xeito que aguanta rabuñaduras, caídas, temperaturas extremas e auga, contando con certificación MIL-STD-810H.
No apartado das cámaras o Nokia XR20 presume dunha cámara traseira dual cun sensor principal de 48 Mpíxeles e un grande angular de 13 Mpíxeles, incluíndo modo SpeedWarp con superestabilización e captura de audio espacial OZO con cancelación do ruído do vento. E dado que coida o apartado sonoro na gravación, tamén fai o propio na reprodución, estando equipado con altofalantes estéreo.
Entre as súas especificacións podemos comentar tamén que ten pantalla Full HD+ de 6,67 píxeles capaces de funcionar con luvas ou mans húmidas; funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 480 5G (ou sexa, que ten conectividade 5G); a súa autonomía ten unha capacidade de 4.630 mAh con carga rápida de 18 watts por cable e 15 watts sen fíos; inclúe NFC e toma para auriculares.

O Nokia XR20 soporta auga e golpes

Vídeo promocional do Nokia XR20

PUBLICIDADE