Novos auriculares Nothing Ear (1)

Nothing anunciou esta semana os seus auriculares Nothing Ear (1), uns auriculares sen fíos que destacan polo seu deseño icónico e transparente, e nos que o fabricante tamén apostou por cuestións como a autonomía ou a cancelación activa de ruído, dous aspectos relevantes neste tipo de dispositivos.

O seu deseño transparente marca a diferenza nun segmento de produto onde parece que hai pouca marxe de manobra. Así, Nothing aposta por expór a enxeñaría, incluíndo os micrófonos, os imáns e a placa base coa circuitería. Todo o que conforma Ear (1) está á vista a propósito, desde o sinal en vermello que indica “dereito” até a inclinación da carcasa en forma de ollo de peixe que axuda a suxeitar os auriculares. Cada un deles pesa 4,7 gramos, e conta con aberturas que alivian a presión, un axuste ergonómico e tres almofadiñas de silicona líquida para poder adaptarse a diferentes tamaños de ouvido.

Para o son incorporan un driver de 11,6 mm, calibrados por teenage engineering para adaptar software e hardware, conseguindo un rendemento equilibrado de graves, medios e agudos. Conta con conectividade Bluetooth 5.2 e cancelación de ruído para a que utiliza tres micrófonos de alta definición.

A súa autonomía é de até 5,7 horas de tempo de escoita, e até 34 horas contando coas cargas do estuche. Dispón de carga ultrarrápida que permite que con oito minutos de carga da funda esta proporcione 8 horas de batería. Ademais, é compatíbel coa carga sen fíos, con todos os cargadores Qi.

A través da aplicación pódense personalizar os ecualizadores, a cancelación de ruído ou os xestos para configurar os Nothing Ear (1), e tamén se accede a funcións como a detección In-Ear ou o Fast Pairing, para que a configuración sexa algo rápido e sinxelo.

Dispoñibilidade e prezo

Os novos auriculares Nothing Ear 81) empezarán a distribuírse ás 15.00h do 31 de xullo de maneira limitada a través da web nothing.tech, e terán un prezo de 99 euros. Posteriormente, o 17 de agosto comezarán as vendas sen limitacións.

Sobre o autor

Reply