A PlayStation 5 supera os 10 millóns de unidades vendidas

mércores, 28 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Dende Sony anuncian que o pasado 18 de xullo superaron a barreira dos 10 millóns de consolas PlayStation 5 vendidas a nivel global, converténdose na consola que máis rápido vendeu na historia de Sony pese a que non chegou a venderse en tendas físicas por falta de existencias e pola política da compañía de promover as vendas en liña como medida de precaución ante a COVID-19.
Conseguir este grande éxito foi extremadamente complicado, xa que a PS5 tivo que atoparse con atrancos como o confinamento e o desabastecemento mundial de semicondutores, polo que tanto a fabricación como a distribución das consolas está a resultar todo un reto.
Resulta bastante difícil entender como é posible vender millóns de consolas dunha máquina que cada vez que sae á venda nunha tenda en liña dura minutos ou incluso segundos, dando a impresión de que son moi poucas as consolas dispoñibles, cando a realidade é que a demanda supera enormemente á oferta, e dende o fabricante xaponés aseguran que non será posible normalizar a subministración das súas consolas até 2022.

Boas vendas de Xbox Series X|S

Curiosamente o seu competidor máis directo, Microsoft, estaría a experimentar algo semellante, e as consolas Xbox Series X|S son as que máis rápido venderon na historia da compañía, e aínda que a Xbox Series S é relativamente doada de conseguir, a Xbox Series X está tan perseguida como a PlayStation 5, por estar considerada como unha máquina con grande futuro e cunhas prestacións moi semellantes ao dun PC gaming.
O éxito de Microsoft podería coller por sorpresa a moitos que non ven que haxa grandes xogos exclusivos no catálogo de Xbox, pero o que acontece é que as grandes exclusivas tardarán en chegar (serán froito de adquisicións de estudios como Bethesda) e o grande reclamo para facerse cunha Xbox é o servizos de Game Pass, que ofrece unha magnífica selección de xogos mediante subscrición, permitindo incluso xogalos na nube, polo que é unha das ofertas actuais que apostan máis valor.

PUBLICIDADE