Sementeira de ourizos de mar na Coruña

7 minutos de lectura

Na Coruña, e noutras zonas de Galiza, un dos produtos pesqueiros máis apreciados son os ourizos de mar. Tal é o seu valor que moitos lle chaman “caviar de pobres”. O entorno do Golfo Ártabro é unha zona ideal para que estes animais crezan, pero a sobre-explotación e a contaminación provocada polos afundimento do Aegean Sea e do Prestige, causou unha redución drástica da poboación destes animais. Un proxecto innovador de cría en catividade deste animal vaille permitir aos pescadores mellorar o estado deste recurso para poder seguir explotándoo de forma sustentable.

Os ourizos de mar son equinodermos

Os ourizos de mar son animais que pertencen ao grupo dos equinodermos (literalmente “con espiñas no pel” en latín) ao igual que as estrelas de mar, as ofiuras, os crinoideos e os cogombros de mar. O corpo dos ourizos está formado por un esqueleto calcáreo de forma máis ou menos globosa no que se articulan as espiñas. Ao igual que no resto dos equinodermos o corpo ten unha simetría pentámera, isto é, repítense 5 veces as mesmas estruturas. Como as estrelas teñen 5 brazos esta simetría vese máis claramente, pero se te fixas no esqueleto dun orizo de mar tamén se poden ver 5 rexións con poros e outras 5 sen poros.

IMG 20210820 074729
Esqueleto dun ourizo de mar visto ao trasluz

Cara abaixo está a boca, formada por unha estrutura única no reino animal chamada “Lanterna de Aristóteles”. Os 5 dentes que forman esta estrutura tan particular, sérvenlle ao animal para comer as algas que están sobre as rochas, e teñen tanta forza que incluso poden roer alguns tipos de rocha.

Só unha especie é comercial

En Galiza podemos atopar 24 especies distintas de ourizos de mar. Algunha son especies protexidas como o Echinus esculentus, e outras teñen forma irregular como o ourizo de area (Echinocardium cordatum), pero Paracentrotus lividus se explota comercialmente. Trátase dun ourizo de tamaño medio que ten de talla mínima comercial 5,5 cm pero que pode chegar a medir 7 cm de diámetro. As espiñas son pouco numerosas e longas. A cor é variable entre violeta e verde oliva, ramante pardo. Viven en zonas rochosas dende a parte baixa do intermareal ate uns 30 m de profundidade. Non debe confundirse con Psammechinus miliaris unha especie máis pequena coa punta das espiñas de cor violeta e normalmente de cor verde.

Esquema Ourizos hickman
Esquema dun ourizo de mar. Fonte: Hickman

Ourizos de mar escachados, un manxar pouco caro

Os ourizos de mar cómense tradicionalmente escachado, é dicir, partidos pola metade. O seu forte sabor a mar cun pequeno toque doce é tan apreciado que a xente lles chama “caviar de pobres”. A tempada comeza en outubro e remata en abril, aínda que é na Semana Santa (marzo-abril) cando máis quilos deste produtos se consumen. Esta época coincide co período no que o animal está activo sexualmente e desenvolve o aparato reprodutor (corais ou ovas).

O prezo dos ourizos non é tan prohibitivo como o do caviar, xa que de media está entorno aos 10 €/kg podendo acadar os 20€/kg na lonxa Si ben é certo que está a aumentar a demanda deste produto mariño e o seu prezo sufriu unha forte subida nos últimos anos.

Hatchery de porto muinos. Fonte La Voz de Galicia
Criadeiro ou hatchery de Porto Muiños. Fonte: La voz de galicia.

Que é unha hatchery ou criadeiro?

O primeiro dos traballos do ciclo de cultivo dos mariscos é a sementeira. Este traballo consiste en espallar polos bancos marisqueiros semente (xuvenís), que normalmente as confrarías compran nunha hatchery ou criadeiro. Xa que logo, as ameixas e berberechos críanse en terra antes de tocar por primeira vez ao mar.

Ao criadeiro de animais mariños chámaselles hatchery (criadeiro en inglés). Estas instalacións teñen a capacidade de producir grandes cantidade de individuos pequenos a partir de individuos adultos. Para este proceso é necesario que teñan tanques ou piscinas de auga de mar onde manter os animais vivos, e un circuíto de tubaxes. O proceso de produción nunha hatchery comeza coa aclimatación nas instalación dos individuos adultos que farán de reprodutores e remata cando os xuvenís acadan o tamaño de venda.

mar egeo kMs
Accidente do Aegean Sea ao lado da Torre de Hércules. Fonte: ABC

Urquiola, Aegean Sea e Prestige

Xa se ten falado neste blog da importancia das rías en Galiza. Aínda que o Golfo Ártabro non é unha ría, tamén é un entorno propicio para a acuicultura e a cria de animais e vexetais mariños. Un dos hábitats mariños máis habituais desta zona de costa son os “bosques de laminarias” ou “bosques de quelpos”. Son zonas rochosa, nas que crecen algas pardas de gran tamaño como as da especie Laminaria hyperborea ou Saccorhiza polyschides. As algas crean algo parecido a un bosque submarino que ao igual que as carballeiras e soutos cambian as súas condicións ao longo do ano. Estas agrupacións de vexetación sirven de refuxio a multitude de especies de peixes e invertebrados. E polo tanto son un entorno ideal para que os ourizos pasen inadvertidos para os seus depredadores e se alimenten.

A sobre-explotación, pero sobre todo, as mareas negra do Urquiola, Aegean Sea e Prestige fixeron que os ourizos chegasen practicamente a desaparecer na baía da Coruña. O interese dos pescadores por conservar este recurso e o aumento da demanda deste marisco, motivou unha iniciativa pioneira: “Sementar ourizos de mar”

Ourizos listos para sementar
Ourizos de mar listo para sementar.

Do criadeiro ao mar da Coruña

A confraría da Coruña e a empresa Porto Muiños puxeron en práctica un proxecto experimental de recuperación das poboación de ourizo que está financiado pola Consellería do mar. Para este fin, a empresa puxo en marcha unha hatchery de ourizo. Trátase dunha planta única en Galiza, que está a aplicar técnicas de laboratorio para a produción intensiva de xuvenís de Paracentrotus lividus. Do criadeiro que esta empresa ten en Sada saíron 8.000 xuvenís de entre 6 meses e un ano, que foron sementados na península da Torre no ano 2020. E neste ano 2021 volveron a sementarse 35.000 pequenos ourizos en Suevos.

O proceso de cultivo de Paracentrotus lividus non é nada novo e existen multitude de publicacións científicas por todo o mundo, pero é a primeira vez que todo ese coñecemento acumulado se emprega para unha actividade práctica en Galiza. Existen outras iniciativas, como o proxecto Ocimer que trata de recuperar a pesquería de ourizos na Ría de Vigo. Pero neste da Coruña conflúen dúas circunstancias que son de destacar: están implicados 3 actores fundamentais do ámbito mariño (os produtores, unha empresa de produtos mariños e a administración) e a idea surxe dos propios produtores que detectan un descenso nas capturas.

Nova na TVG da sementeira de ourizos
Nova na TVG da sementeira de ourizos de mar

Aínda que xa podemos dicir que o proxecto tivo éxito por ter aplicado de xeito comercial técnicas que ate o de agora só se empregaban no laboratorio, a supervivencia e o crecemento dos pequenos ourizos diran no futuro se este é un método efectivo para recuperar poboación de ourizos de mar. Este é, sen dúbida, un bo exemplo de como a investigación mariña pode axudar a mellorar a sustentabilidade da acuicultura.

Para conservar os habitats mariños non só fai falta reducir as súas ameazas, senón que é preciso cuidar as poboacións que viven neles. A xestión sustentable é a principal arma que temos os humanos para defender o mar, por eso son necesarios máis proxectos como estes, nos que a investigación sirva de ferramenta para coidar o ambiente.

Máis información

Hickman, C. P., Roberts, R. G. & Larson, A. C. (1997). Zoología. Principios Integrales. McGraw-Hill – Interamericana. Madrid.

Inventario de la biodiversidad marina de Galicia: Proyecto LEMGAL. Consellería do Mar, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

La Voz de Galicia. 24/07/2021. De la tierra, al mar: el camino inverso que el erizo recorre en A Coruña.

TVG. 26/07/2021. A confraría da Coruña e Portomuíños sementan 35.000 ourizos en Suevos

La Voz de Galicia. 03/08/2020. A maior sementeira de ourizo en Galicia