domingo, 5 de setembro de 2021

Vasiños de crema de cacahuete e chocolate

Volver empezar, outra vez! Tal e como dicía aquel tema que causaba terror en calquera rapaz ou rapaza a piques de comezar a escola. Pois si, hai que cumprir coas obrigacións que de vacacións non nos imos queixar nesta casa. Volvemos moi doces cuns vasiños que funcionan moi ben posto que tiran de combinación exitosa: cacahuete e chocolate. 

Unha sobremesa para a que merece a pena deixar un oco e saboreala intensamente aínda que non pensedes que son destas lambetadas excesivamente pesadas.

O caso é adozar o inicio de curso e tamén o inicio dun mes de moitos propósitos, non? Tedes algún? Por se acaso, estes vasiños hanvos de servir de ánimos.




Vasiños de crema de cacahuete e chocolate


Ingredientes (para 4 vasiños):

  • 240 ml de nata
  • 90 g de chocolate con leite
  • 60 g de chocolate negro       
  • 30 g de crema de cacahuete
  • 30 g de azucre
  • Framboesas
  • Un chisco de sal
Para a crema:
  • 120 g de nata
  • 15 g de crema de cacahuete
  • 8 g de azucre glas
  • Franboesas

Utensilios: unha pota, vasiños, unha espátula, unha manga e un bico, e un batedor eléctrico. 

Elaboración:


Para comezarmos, temos de mesturar a nata, a crema de cacahuete e o azucre. Quentamos a lume medio-baixo. 


Cando estean integrados, agregamos o chocolate e mesturamos até que se funda totalmente. 

                                                          
Repartimos nos vasiños e botamos 2-3 framboesas en cada un. Refrixeramos 3-4 horas.


Refrixeramos 3-4 horas.



Pasado ese tempo, montamos a nata. 


Cando empece a montar, agregamos o azucre. 


E a crema de cacahuete.


Botamos a mestura nunha manga pasteleira. 


E decoramos coa nata adozada e unha framboesa. 



E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten e que os poñades en práctica. Dan ganas de meter a culler, eh!!! Pois non pasedes ganas deles que logo os facedes. Forte aperta, bolboreteir@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario