A Nintendo Switch por fin funciona con auriculares Bluetooth

mércores, 15 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Pese a que a Nintendo Switch é basicamente unha tableta Android de nVIDIA personalizada por Nintendo, algunhas prestacións propias deste tipo de dispositivos non están presentes, como a posibilidade de gozar de audio por Bluetooth, eiva que por fin corrixe a nova actualización da Nintendo Switch.
Agora é posible engadir dispositivos de audio Bluetotoh na Nintendo Switch, podendo emparellar até 10 dispositivos distintos, aínda que só poderá empregarse un de cada vez. Cómpre que o Bluetooth só está activado para auriculares e altofalantes, ou sexa, que non permite o uso de micrófonos Bluetooth, e dende Nintendo salientan que en función do dispositivo o Bluetooth pode achegar unha mala experiencia de uso por mor da latencia de audio. O son por Bluetooth non poderá empregarse durante as partidas multixogador en local (que cortarán automaticamente o audio por Bluetooth ao iniciarse).
Resulta bastante rechamante que Nintendo tardase máis de 4 anos en incluír na Switch unha función tan básica, aínda que moitos usuarios continuarán a preferir o uso de auriculares con cable para unha mellor experiencia.

PUBLICIDADE