Flan parisino

Hai pouco vin nunha pastelería este doce, e pareceume que non era difícil de facer, así que probeino na casa e paga moito a pena. Tamén se coñece polo nome de “flan patissier” e é da família dos pasteis de nata portugueses 😀

A masa brisa ou masa quebrada tamén se pode facer na casa, pero para aforrar tempo eu compreina feita, é habitual na sección de refrixerados. O recheo pode adaptase un pouco: se queredes que quede máis amarelo botádelle unha xema máis, ou tamén podedes cambiar 200 ml de leite por 200 ml de nata se vos gusta máis pesado.

O tema dos legumes secos vai variar dependendo do tamaño do molde, pero teñen que ser dabondo para chegar á altura da masa, calculo que 300 ou 400 gr serán suficientes.

Ingredientes (para 8 porcións, aproximadamente)

Garavanzos ou fabas secos para a primeira cocción

Un paquete de masa brisa

550 ml de leite enteiro

200 ml de nata de bater (35%MG)

20 gr. de manteiga derretida

2 ovos

100 de azucre

Unha culler ben chea de Maizena

Un pau de vainilla

  1. Prequecemos o forno a 190º por riba e por baixo.
  2. Nun molde desmontable de 24-26 cm de diámetro colocamos papel de forno no fondo, montamos o lateral, estendemos a masa e pegámola ás beiras. Ide con conta para que quede simétrico.
  3. Colocamos papel de forno por riba da masa (o que trae a masa valerá) e enchemos o recipiente cos legumes.
  4. Quecemos durante 15 minutos, ata que comece a estar dourado nos bordes. Retiramos e deixamos arrefriar.
  5. Nunha pota poñemos o leite, a nata e a vainilla, quecemos ata que estea a piques de ferver e retiramos. Deixamos repousar 10 minutos.
  6. Nun bol grande botamos os ovos, a manteiga o azucre e a Maizena. Batemos ben cunha batedora de variñas ata que teña unha textura homoxenea.
  7. Retiramos o pau de vainilla da pota do paso 5 e poñémola a lume medio. Imos engadindo a mestura dos ovos mentres remexemos sen parar cunhas variñas (ou dous garfos).
  8. Cando comece a cambiar a textura da crema (facéndose máis espesa) retiramos e deixamos repousar ata que estea morno.
  9. Quitamos as legumes do molde, botamos a crema e cocemos no forno 45-50 minutos a 180º, por riba e por baixo. Se queredes que teña a costra máis torrada, podedes engadir 5 minutos máis de calor por riba con ventilador.
  10. Podese comer en canto estea a temperatura ambiente, ou deixala para o día seguinte: a masa estará un chisco menos crocante pero o recheo terá máis sabor.

Que aproveite!

Eu esquecín poñer o papel de debaixo, un desastre que vós podedes evitar 😀

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *