BreoGaming organiza un par de torneos de videoxogos na Coruña

xoves, 16 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Imaxe dun torneo anterior organizado por BreoGaming

BreoGaming volve á carga, e desta volta de xeito presencial, cun par de torneos que terán lugar os vindeiros días 2 e 3 de outubro no nº 1 da rúa Real da cidade da Coruña, onde desenvolverase un encontro de afeccionados aos videoxogos de loita, que botarán partidas e tamén competirán por ver quen é o mellor.
O 2 de outubro será cando os asistentes poderán baterse para saber quen é o mellor no Street Fighter V: Champion Edition, mentres que ao día seguinte será Tekken 7 o título no que os loitadores virtuais terán que amosar a súa pericia.
Estes encontros teñen un prezo de 2 euros para asistir e de 4 euros para participar en cada un dos torneos anunciados (para preinscricións, xa que o propio día do torneo a taxa ascenderá a 5 euros), aínda que tamén haberá un torneo sorpresa polo que haberá que pagar 2 euros para participar.
O 75% das cotas de participación nos torneos constituirán os premios que se repartirán entre os tres primeiros clasificados (60%, 30% e 10% respectivamente).

PUBLICIDADE