luns, 20 de setembro de 2021

Berenxenas á parmesana

Boa tarde, bolboreteir@s. Como estades? Xa vedes que nós seguimos ofrecendo pratos saudábeis e ben apetitosos con verduras diversas como protagonistas. Desta volta tocoulle á berenxena. Tiñamos unhas poucas na casa e pensamos en facer unha receita clásica, as berenxenas recheas mais non nos apetecía moito desa maneira así que elaboramos algo máis lixeiro e cheo de sabor.

Aquí xa sabemos que este tipo de combinacións adoitan ser exitosas e máis cun queixo coma o parmesano. Imos ver os pasos para culminar con éxito esta receita.



Berenxena á parmesana


Ingredientes:

  • 800 g de salsa de tomate
  • 3 berenxenas
  • Mozzarella        
  • Parmesano
  • 1 cebola
  • Alfábega fresca
  • Tomiño
  • Ourego
  • Pementa moída
  • Sal
  • Aceite de oliva

Utensilios: Unha tixola, unha prancha, unha táboa e un coitelo e unha fonte apta para o forno. 


Elaboración:


Para comezarmos, temos de rustrir a cebola, ben picadiña, en dúas culleradas de aceite. Cando estea brandiña, agregamos o tomate, o tomiño, o ourego, a pementa moída e o sal, ao gusto. 


Cociñamos 25-30 minutos (coidado que o tomate salta moito!) e botamos a alfábega e cociñamos 5 minutos máis. Reservamos. 

                                                           
Cortamos a berenxena en lascas e rustrímolas na prancha. 


Na fonte en que imos enfornar, colocamos unha capa de salsa de tomate. 


Berenxenas. 


Máis tomate. 


Mozzarella e parmesano. 



E repetimos até acabar con tomate e bastante queixo para grelar. 


Enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 25-30 minutos! 


E xa estaría lista para comer! Xa vedes que a apariencia é boa mais confirmamos que o sabor, moitísimo mellor. Para nós, unha das mellores formas de aproveitar as berenxenas, que non nos namoran con calquera elaboración. Se coñecedes máis receitas con verduras como elemento central e ben saborosas, ídenos contando que aquí gozámolas moitísimo. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario