luns, 18 de outubro de 2021

Poke bowls

Bolboreteir@s!! Como estades? Nós de cine pois vimos dunha finde moi intensa polo noso amado Lugo, con voda o sábado en Sarria. Maneira de papar, amig@s! Aínda temos gravada na retina a cara dos convidad@s que viñan de fóra ante tal exhibición culinaria, haha.

Pero nós hoxe imos healthy, moi healthy. Como prometemos xa hai unhas semanas, traemos o que foi para nós a descuberta da tempada, os poke bowls. Xa hai uns poucos anos que abriron negocios de comida hawaiana na Coruña mais a verdade é que até este outono non nos dera por probar. E sorprendeunos moitísimo xa que percibimos certos toques da comida xaponesa como os propios arroces pero nun prato moi ambicioso no que se poden incorporar elementos moi diversos. 

A orixe está en Hawai e a palabra "poke" ou "pok-ei" viña a significar cortado en anacos pequenos, referíndose principalmente ao peixe capturado no día, de maneira crúa. A partir de aí sabemos que o paradisíaco destino ten recibido frecuentes chegadas de navegantes polinésicos, xaponeses, estadounidenses o que se mostra en influencias varias que tamén afectan a este prato. E sabe, vaia se sabe o poke bowl. 



Poke bowls


Ingredientes:

Para a base:
  • Arroz para sushi
  • Auga
  • Maionesa
  • Salsa sriracha       
  • Limón
  • Allo en po
  • Sal
Para a opción 1:
  • Seitán
  • Edamame
  • Tomates cereixa
  • Aguacate
  • Bataca doce
  • Especias
  • Mestura de sementes
Para a opción 2:
  • Seitán
  • Pepino
  • Cenoria relada
  • Mango
  • Mestura de sementes

Utensilios: dúas potas, dúas tixolas, táboa e coitelo e dúas cuncas para servir.


Elaboración:

Para comezarmos, cociñamos o arroz para sushi segundo as intruccións do paquete. No noso caso, cocímolo en abundante auga (1 l por cada 65 g de arroz) e despois escoámolo e paramos a cocción con auga fría. Reservamos. 


Preparamos a salsa maionesa de sriracha. Para iso, mesturamos a maionesa con dúas culleradas de salsa sriracha. 


De seguir, engadímoslle o zume dun limón e un pouco de allo en po.


Reservamos tamén. 


Cocemos os edamame en abundante auga durante 3 minutos. 


Quitamos os grans da vaina e reservamos.


Para facermos a bataca, cortámola en cadradiños pequenos e rustrímola nun chisco de aceite coas especias que máis nos gusten. 


Reservamos. 


Na outra tixola, rustrimos o seitán, cortado en lascas, nun chisco de aceite. Reservamos tamén.


Por último, cortamos o cogombriño, os tomatiños e o aguacate. E xa empezamos a montar. Primeiro, o arroz. 


A salsa. 


Para a opción 1, poñemos os edamame,  os tomatiños, o aguacate, a bataca, o seitán e botamos a mistura de especias. 


Para a opción 2, o pepino, o seitán, a manga e a cenoria. 


E xa estarían listos para comer! Agardamos que vos gusten. Xogades con eles, probade, e veredes que combinación de sabores que seguro encaixades ás marabillas. Aperta, amig@s!

Ningún comentario:

Publicar un comentario