De cubas e bocois


Vaia por diante, antes de entrar en materia, que non vou idealizar o consumo dunha droga, aínda que esta sexa considerada “branda” e estea aceptada socialmente. Tratémolo de maneira neutra, como un fenómeno máis dentro das sociedades humanas, pero sen banalizar –nin criminalizar, por outra banda– as consecuencias do seu abuso. Diso xa se encargou, en realidade, o cinema.

Hai unha manchea de arquetipos, estereotipos e clichés relacionados co alcol, dende o cowboy que bebe apoiado na barra do saloon e o executivo que pecha un trato regado con whiskey on the rocks até o borracho inofensivo pero sempre ó borde do delirium tremens ou da ruína económica ou á muller desencantada coa vida doméstica que afoga as súas penas en viño.

image

O consumo de alcol ten un compoñente cultural importante, suxeito a mudanzas segundo a época, o territorio e a clase social. E a súa representación no cinema, por suposto, está influída por estes mesmos factores.

Quizabes por iso sorprende a enorme cantidade de alcol que se serve en Hollywood comparándoo con outras cinematografías como, por poñer un exemplo, a italiana. O desastre da Lei Seca nos anos vinte, plasmada en filmes como Scarface (Howard Hawks, 1932) ou The Untouchables (Brian de Palma, 1987), tamén influíu na percepción e no enfoque arredor do consumo de alcol nos EUA. A partir da Lei Seca xorde unha tensión entre puritanismo e “liberdade”, unha tensión que se materializa nas diferencias sociais propias do cinema clásico, que enxalzan á personaxe branca, de clase alta, masculina, que bebe con lexitimidade o seu whiskey nun luxoso despacho e que destila carisma e determinación ó facelo, mentres que xulgan duramente á personaxe marxinal –sexa racializada, de clase baixa, ou feminina– que fai exactamente o mesmo. Ó mellor hai matices nesta afirmación, pois unha femme fatale pode adquirir o mesmo atractivo que un home elegante cando ten un cóctel na man mais, ó contrario que este, o compoñente moralizador e puritano do que falabamos rematará por castigala dun ou doutro xeito.

image

E os filmes herdeiros do cinema clásico estadounidense, como pode ser a saga de filmes arredor da personaxe de James Bond, reinterpretada ó longo de varias décadas e até a actualidade, herda tamén os seus arquetipos: o vilán que ergue un imperio criminal a golpe de talonario, os encantos dunha femme fatale e a copa de Martini seco e vodka, axitado pero non batido. Nunca souben a diferencia. Nin tampouco a razón pola que un axente secreto se larga un combinado en plena misión, cando sería moito máis seguro permanecer sobrio e espelido para enfrontar calquera imprevisto… Ben, todo isto debe ser froito da banalización que comentabamos ó comezo da que peca a miúdo o cinema americano.

En xeral, o consumo de alcol é utilizado para aportar dimensións ás personaxes, para definilas e caracterizalas de maneira individual: se son bebedores habituais, sociais, ou abstemios, que tipo de alcol beben, se cervexa, viño ou licores fortes… e, se o alcolismo se converte na súa característica principal, o cinema adoita enfocalo de dúas maneiras ben diferenciadas: como alivio cómico, inofensivo e infantilizado, ou como personaxe perdida na vida que entraña un risco para si mesmo e para os demais. Existen apostas en distintas cinematografías sobre o perigo que entraña o abuso do alcol. Blake Edwards filmou unha dura visión sobre esta temática en Days of wine and roses (1962) e Akira Kurosawa retratou este problemas en filmes como 醉いどれ天使 (Yoidore Tenshi, O anxo bébedo, 1948). 

image

Hai que engadir a isto todo un xénero de filmes baseados no xénero que podemos describir como a “crónica dunha noite de troula”, un subxénero no que podemos introducir a última película de Thomas Vinterberg, Druk (2020) e as adaptacións cinematográficas de A Esmorga de Eduardo Blanco Amor. O alcolismo endémico, do que non se libra a Galiza do século pasado, adoita ter a súa representación no arte cinematográfico… a menos que, como na cinematografía española durante o franquismo, os guións estivesen suxeitos ó férreo control da censura, sempre atenta a desvincular a “identidade nacional” a calquera problema social arraigado no seu territorio.

En definitiva, que a representación do alcol no cinema ven da man da percepción cultural en cada época e lugar, como adiantabamos ó comezo. Unha afirmación que podemos aplicar a outros tantos arquetipos fílmicos relacionados coa nosa maneira de vivir en sociedade. O cinema é un espello de nós mesmos, mais un espello que pode verse deformado polas nosas subxectividades e prexuízos tamén.


Remato esta reflexión apelando ó sentidiño para evitar encontros indesexados con elefantes rosas. Até o vindeiro episodio!