Actualidade As versións para nova xeración de Cyberpunk 2077 e The Witcher 3 non sairán este ano

As versións para nova xeración de Cyberpunk 2077 e The Witcher 3 non sairán este ano

CD Projekt semella que non desexa tropezar dúas veces coa mesma pedra, a das présas e os produtos inacabados, e hoxe atrasou os lanzamentos das versións de nova xeración de Cyberpunk 2077 e The Witcher 3: Wild Hunt. «Desculpas pola longa espera, pero queremos facelo ben», reza a mensaxe que compartiron en redes.

A edición para Xbox X|S e PlayStation 5 de Cyberpunk 2077 chegará no primeiro trimestre do 2022. The Witcher 3, pola súa banda, tardará algo máis, até abril ou xuño. No anuncio tamén se indica que a decisión foi tomada após escoitar as recomendacións ofrecidas polas persoas que supervisan o desenvolvemento das novas versións que debían ver a luz este 2021.

Poucos datos máis, alén dos ofrecidos no pasado. A día de hoxe sabemos que a edición mellorada da historia de Geralt de Rivia chegará tamén a PC, amais de para as dúas novas consolas, e contará cunha actualización de balde para aqueles usuarios que teñan a versión antiga do xogo. Tamén terá novos obxectos baseados na serie de Netflix, raytracing e tempos de carga máis rápidos entre outras melloras visuais e técnicas

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.