Convocados os VI Premios Paraugas 2021
O Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia convoca unha nova edición para os VI Premios Paraugas. As empresas e profesionais interesados en inscribir os seus proxectos poderán facelo ata o próximo 25 de outubro.
Os Premios da Comunicación e do Marketing de Galicia foron creados polo Clúster da Comunicación de Galicia no ano 2016. Naceron coa idea de poñer en valor a calidade e o excelente traballo que se fai na nosa terra, co obxectivo de enxalzar a función da creatividade, o deseño, a edición, a impresión, o márketing, a comunicación e os eventos de orixe galega e como medio para conseguir aumentar a competitividade e a capacidade innovadora. Trátase dunha convocatoria de premios desde o sector e para o sector.
Os Premios Paraugas recoñecen o traballo profesional feito en Galicia nos ámbitos da creatividade, a edición, a impresión, o márketing, a comunicación e o deseño. Esta última categoría, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, inclúe 3 premios: Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico, Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial ou de Produto e Premio Paraugas ao Mellor Deseño Dixital.
Todos os detalles sobre esta nova edición dos Premios Paraugas están dispoñibles na súa web, dende onde tamén se pode facer a inscrición de proxectos.