E o máis importante, está disposto o sector do deseño a asumir esta responsabilidade? Queremos iniciar este debate ou preferimos seguir deixándoo en mans dunhas poucas deseñadoras concienciadas? Melloramos nos últimos anos? Que supón isto para as deseñadoras? E para os deseñadores?

O deseño é quen de achegar solucións e significados para acadar con éxito os grandes retos da sociedade actual. É unha potente ferramenta para contribuír á mellora social, sobre todo polo seu amplo alcance e impacto. Obxectivos como a accesibilidade, a universalidade, a sustentabilidade ou a igualdade están directamente relacionados coa forma na que deseñamos. Neste 25N queremos poñer o foco na necesidade de incorporar a perspectiva de xénero aos procesos de deseño para impulsar o cambio cara un mundo mellor.

Isto é o que nos motivou a crear fai dous anos Gráficas en Negro, un colectivo que traballa pola igualdade de xénero no sector do deseño e por acadar a súa implantación en todos os ámbitos da profesión. Gráficas en Negro ten unha vocación transformadora, de referencia e consulta para o sector, e o impulsamos un grupo aberto e inclusivo de profesionais ligados/as ao eido do deseño.

Gráficas en Negro. Un proxecto READ

Vimos de nos incorporar ás liñas de traballo de READ (Red Española de Asociaciones de Diseño). Ser parte da estratexia desta rede posibilita a conexión directa cos outros grupos de traballo e tamén coas asociacións que a forman, así como coas outras organizacións e institucións relacionadas (FAD, BEDA, escolas de deseño, administracións públicas...) e coas persoas que as integran.

Obxectivos de Gráficas en Negro

Entre os nosos obxectivos destacamos definir, identificar e promocionar as boas prácticas que se realicen no sector para, deste xeito, motivar e propiciar o cambio unha actitude construtiva e positiva. Exercer de observatorio sobre desigualdades e discriminacións que se producen no exercicio da nosa actividade. E apoiar ás persoas e organizacións con vontade de mellorar en termos de igualdade e perspectiva de xénero, especialmente aquelas encargadas de liderar o cambio, poñendo á súa disposición recursos, información e posibles alianzas para levalo adiante.

Outra das nosas liñas de traballo céntrase en contribuír á difusión e o coñecemento da traxectoria das profesionais do deseño a través da elaboración de contidos para diferentes canles. Tamén acudiremos á chamada das iniciativas globais en materia de feminismo, levando ao debate social a nosa visión e posicionando o deseño na defensa xeral da causa.

Se como profesional do deseño tes interese por incorporar a perspectiva de xénero á túa práctica e sumarte ao deseño responsable, en Gráficas en Negro atoparás alianzas.

Por que precisamos dun deseño con perspectiva de xénero?

Non fai falla afondar en demasía para recoñecer que desde o ámbito da comunicación e o deseño se perpetúan discriminacións e agresións en materia de xénero. Por unha banda, a inclusión de roles sexistas, a obxectificación da muller, a hipersexualización de nenas e adolescentes ou a erotización da violencia son só algúns dos aspectos que continúan aparecendo e impactando ao conxunto da sociedade. Xa sexa de forma implícita, como imaxe ou texto, ou apelando a capas máis fondas do subconsciente, seguen prexudicando a construción dun imaxinario colectivo respectuoso con todas as persoas, e xustificando actitudes e comportamentos que danan ás mulleres.

Por outra banda, os obxectos e espazos que nos rodean, as súas características e formas de funcionamento, definíronse en base a criterios fisionómicos e psicolóxicos masculinos, resultando en moitas ocasións menos operativos para a outra metade de persoas usuarias. Simone de Beauvoir dicía que «a representación do mundo, como o mesmo mundo, é cousa dos homes». Son abondos os exemplos que ilustran esta realidade, desde paritorios nos que a dificultade para realizar as manobras de parto de forma natural son evidentes, ata cintos de seguridade que non protexen igualmente a homes e mulleres en caso de accidente.

Teñen as deseñadoras o recoñecemento profesional que merecen?

Nunha revisión histórica da profesión do deseño, as mulleres quedaron relegadas a un claro segundo plano. Factores como a falla de acceso á formación nas orixes da disciplina ou a imposibilidade de optar a postos de responsabilidade provocaron que os nomes, logros e contribucións das poucas que si puideron desenvolver a súa carreira como deseñadoras ou creativas ficasen invisibilizadas. Desde hai xa algúns anos, os datos de matriculación en escolas de deseño ou titulacións relacionadas invertéronse, co consecuente aumento do número de deseñadoras. Porén a súa repercusión en medios, recoñecementos ou nivel salarial segue a ser inferior que o dos compañeiros, incluso no caso de ostentar cargos directivos ou de representación.

25 de novembro. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Eliximos esta significativa data, dedicada ao recoñecemento e denuncia das violencias de xénero, para presentar oficialmente Gráficas en Negro. Tamén meditada é a decisión de facelo desde as asociacións ás que pertencemos, porque aquí, no exercicio da nosa profesión, é onde queremos focalizar as accións para contribuír á loita pola igualdade real entre homes e mulleres.

Trátase dun proceso de aprendizaxe e mellora continuo. Por este motivo, se o proxecto é do teu interese, convidámoste a seguirnos nas nosas redes sociais ( Instagram / Linkedin / Twitter ), para incluír novas miradas, compartir ideas e xerar sinerxías ou alianzas. Tamén podes subscribirte á nosa newsletter, na que publicaremos avances, recursos ou convocatorias para participar en procesos colaborativos. O teu papel como profesional do deseño é fundamental para acadar un mundo mellor deseñado sen violencias de xénero.

Referencias bibliográficas

  • MORANT, I., ¿Qué pasa con las mujeres creativas? Sororidad Creativa, 2021
  • CADOCHE, E. Y MONTARLOT, A., El síndrome de la impostora. Ed. Península, 2021
  • CRIADO, C., La mujer invisible. Seix Barral, 2020