Huawei anuncia novo smatwatch e uns FreeBuds con forma de pintabeizos

Non cabe dúbida que o 2021 non foi o mellor ano para Huawei vendendo smartphones. Porén, o fabricante chinés soubo posicionarse no mercado dos wearables, e non quixo renunciar a rematar o ano anunciando novos produtos, entre os que destacan un novo reloxo intelixente, o Huawei Watch GT3, e unha nova versión dos seus auriculares FreeBuds, os FreeBuds Lipstick.

Huawei Watch GT3

Como xa avanzamos, o Huawei Watch GT3 é o último smartwatch anunciado pola compañía chinesa. Trátase dun modelo que chega en dúas versións, 46 e 42 mm, ambas as dúas impulsadas por HarmonyOS 2.1, o novo sistema operativo multidispositivo desenrolado pola marca, xa que ten vetado o uso de Android.

Entre as súas principais novidades, destaca o seu deseño – máis moderno – así como tamén a presenza dunha nova interface para a gama GT e unha autonomía que chega até os 14 días de duración no modelo de 46 mm, aínda que queda nos 7 días no de 42 mm. Aumenta tamén o número de fotodetectores, co obxectivo de mellorar o sistema de monitorización, ofrecendo máis detalles sobre a saúde e o estado físico das usuarias, un dos puntos fortes dos wearables de Huawei.

O novo smartwatch conta cun bisel xiratorio táctil, e un novo deseño en malla para o menú principal que se pode mover libremente e ampliar ou minimizar empregando a coroa lateral. Ademais, as esferas de reloxo personalizadas tamén permiten o acceso rápido aos datos relativos ao exercicio e ás amplicacións, con tan só levantar o pulso como xesto.

O novo reloxo de Huawei xa está dispoñíbel e se pode mercar desde onte nos principais retailers de todoo país por un prezo que comeza nos 229 euros e que depende do tamaño e da versión.

Huawei FreeBuds Lipstick

Por outra banda, Huawei tamén anunciou os Freebuds Lipstick, un dispositivo deseñado no Aesthetics Research Centre de Huawei de París por un grupo de profesionais internacionais procedentes de diferentes industrias vencelladas ao loxo, á moda e ao sector do automóbil, así como por especialistas dixitais e de estratexia de marca.

Fabricado en aceiro inoxidábel, estes FreeBuds chegan cun deseño que lembra unha barra de pintar os beizos, sen renunciar ás características técnicas dos FreeBuds de Huawei, como o axuste óseo, o axuste de ecualización (AEM) que detecta automaticamente a forma da canle auditiva e as condicións do entorno para ofrecer unha experiencia sonora máis axeitada.

Pódese mercar por 229 euros na Huawei Store, tendas Huawei oficiais e El Corte Inglés.

Sobre o autor

Reply