Astérix e Obélix convídannos a dar lapotes aos romanos no seu novo xogo

xoves, 2 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Os personaxes de Astérix e Obélix teñen toda unha tradición de xogos beat’em up, ou sexa, de repartir labazadas mentres se avanza polo escenario, e precisamente dentro deste xénero encaixa o novo Astérix & Obélix: Slap Them All! (coñecido como Astérix & Obélix: Baffez-les Tous! en Francia, que sería algo así como Astérix e Obélix: Batede en todos!), título que hoxe mesmo saíu á venda para Xbox One, para PlayStation 4 e para Nintendo Switch, mentres que pola versión para PC haberá que agardar até o vindeiro martes. As versións de consola do xogo teñen un prezo de 39,99 euros.
O xogo sitúanos nunha aldea da Galia no ano 50 antes de Cristo, de onde parten os heroes creados por Goscinny e Uderzo loitando contra o Imperio Romano percorrendo numerosos escenarios de xeito horizontal mentres reparten lapotes variados. Poderemos encartar tanto a Astérix como a Obélix, sendo posible empregar o modo multixogador local cooperativo para manexar a ambos personaxes á vez.
Astérix & Obélix: Slap Them All! ten un modo de Aventura baseado nos álbums de banda deseñada, de aí que os seus gráficos debuxados a man cadren moi ben con este título que tamén inclúe minixogos para que esta creación de Mr. Nutz Studio para Microids sexa máis rica e satisfactoria para os seareiros dos galos máis célebres de todos os tempos, que atoparán un xogo que case podería considerarse unha homenaxe á creación orixinal de Goscinny e Uderzo.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE