Vodafone inicia o acendido da rede 5G de 700 MHz

Logo de ter adquirido dous bloques de 10 MHz (2x 10 MHz) de espectro na banda de 700 MHz na poxa celebrada durante o pasado mes de xullo, Vodafone vén de anunciar o acendido progresivo da rede 5G nesa banda nun total de 109 municipios distribuídos en 30 provincias. Nesta primeira fase, iniciada esta semana, inclúense un total de 54 municipios de máis de 50.000 habitantes e 55 de menos desa cifra.

Ademais, este primeiro despregamento de rede 5G na banda dos 700 MHz integra a actualización progresiva das 25 grandes cidades ás que Vodafone deu servizo 5G no 2019. No concreto,17 destas 25 cidades verán reforzada ou aumentada de maneira inmediata a cobertura 5G que tiñan co despregamento na banda de 3,5 GHz realizado na primeira fase. Son Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Zaragoza, San Sebastián, Pamplona, Logroño, Toledo, Santa Cruz de Tenerife, Palma de Mallorca, Valladolid, Murcia, Segovia, Castellón e Las Palmas de Gran Canaria.

No que afecta a Galiza, as cidades da Coruña e Vigo serán as primeiras en desfrutar da rede 5G de Vodafone na banda de 700 MHz, aínda que esta actualización de rede chegará nunha data por concretar ao longo deste ano, en paralelo cos despregamentos nas cidades de Gijón, Santander, Bilbao, Vitoria, Badajoz e Alicante.

A principal vantaxe que ofrece a frecuencia de 700 MHz para o despregamento da rede 5G é a significativa mellora da cobertura, ofrecendo unha rede máis extensa e unha mellor penetración nos interiores dos edificios, ofrecendo así grande dispoñibilidade de ancho de banda.

Poxa do 5G na banda dos 700 MHz

Vodafone investiu 350 millóns de euros na poxa do pasado mes de xullo para facerse cun bloque de 2×10 MHz de espectro, que se supan aos 90 MHz que xa tiña para o despregamento de 5G ba banda dos 3,5 GHz. Pola súa banda, Telefónica fíxose nesa poxa cun bloque de 2×10 MHz (e outro de 100 MHz na banda de 3,5 GHz) e Orange con outro bloque de 2×10 MHz (e outro de 110 MHz na banda de 3,5 GHz).

Esta adquisición implicou tamén asumir uns compromisos de despregamento. Así, Vodafone ten que ofrecer, como mínimo, servizos 5G a todas as poboacións de 50.000 habitantes no 2025.

Sobre o autor

Reply