O OnePlus 10 Pro 5G non chegará a España até primavera

martes, 11 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Esta semana chega ao mercado chinés o novo OnePlus 10 Pro 5G a un prezo que parte de 4.699 iuans (650 euros), mentres que en España teremos que agardar a primavera para facernos con este móbil que presume de cámara Hasselblad de 2ª xeración para o móbil, carga ultrarrápida cunha batería de 5.000 mAh, procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1 e pantalla Fluid AMOLED de 120 Hz con LTPO.
Estamos ante un auténtico móbil insignia, que pode competir sen problema coas grandes marcas, e unhas configuracións moi completas (con 8/12 GB de memoria LPDDR5 e 128/256 GB de almacenamento UFS 3.1) que xunto coa sona de marca OnePlus fai que sexa un dispositivo moi esperado polos incondicionais deste tipo de teléfonos que moitos temían que deixásemos de ver no mercado xa que OnePlus deixou de ser unha compañía independente para pasar a depender directamente de Oppo, o que pode ter serias consecuencias de cara á experiencia de usuario a longo prazo (polo momento aseguran que a versión global funcionará con OxygenOS, pero o feito de que o modelo chinés corra con ColorOS 12.1 pode indicar que está próximo o adeus á versión de Android desenvolvida por OnePlus).
O OnePlus 10 Pro 5G chegará cunha pantalla de 6,7 polgadas con refresco adaptable entre 1 Hz e 120 Hz, cámara traseira tripla asinada por Hasselblad cun sensor principal de 48 Mpíxeles, un ultra grande angular de 50 Mpíxeles e un telefoto de 8 Mpíxeles, cámara frontal de 32 Mpíxeles, Bluetooth, 5.2 e carga rápida de 80 watts mediante cable (o que permitiría unha carga completa en 32 minutos) e 50 watts sen fíos (contando tamén con carga inversa sen fíos).

PUBLICIDADE