Fortnite volverá a iOS grazas a nVIDIA

xoves, 13 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Tras a expulsión de Epic Games da App Store por parte de Apple, parecía complicado poder gozar de xeito digno de Fortnite nos iPhone e iPad, pero dende nVIDIA traen un raio de esperanza para os incondicionais do battle royale de referencia, xa que están a preparar unha beta pechada de duración limitada de Fortnite a través do servizo GeForce Now, de xeito que será posible gozar do xogo de Epic Games dende o navegador web de iOS e dende Android con novos controis táctiles.
Os interesados en gozar de Fortnite en iOS a través de streaming poden unirse á lista de agarda para poder acceder á nova beta pechada, que destaca por adaptar o servizo de GeForce Now para que non sexa preciso contar cun mando ou un teclado e un rato, xa que engade un control táctil que permite comezar a xogar de inmediato con só a pantalla e os dedos.
A beta comezará este mesmo mes, e os inscritos á beta poderán acceder á versión en streaming de Fortnite cunha diferenza: xa non será posible gozar do xogo con teclado e rato en dispositivos móbiles Android, xa que esta interface pasará a ser substituída por controis táctiles. Pola contra, o uso de mandos mantense.
Lembremos que o servizo de xogo GeForce Now ten un modelo de subscrición, de xeito que podemos empregalo de balde en sesións cunha duración máxima de 1 hora, mentres que por 9,99 euros/mes ou 49,99 euros/semestre podemos subscribirnos a unha versión que limita as sesións a 6 horas de duración, ofrece gráficos mellorados e achega gráficos até Full HD a 60 imaxes por segundo. A maiores, os que paguen o dobre poderán gozar dunha versión do servizo de máximo rendemento, con sesións de até 8 horas de duración e gráficos até 1.440p a 120 imaxes por segundo dende PC/Mac e até 4K con HDR dende nVIDIA Shield TV.

PUBLICIDADE