Pedro Boado Sánchez: literato e político liberal

O 26 de maio de 1822, no marco do Trienio Liberal (1820-1823) fernandino, constituíuse a primeira Deputación Provincial de Ourense e, desde a sé catedralicia, o seu presidente, Pedro Boado Sánchez, proclamou un amplo discurso a prol do réxime constitucional, das obrigas dos novos deputados e dos beneficios que traería a nova división provincial ás poboacións e terras ourensás. A figura de Pedro Boado, chea de máis sombras ca luces por mor dunha vida marcada pola inestabilidade na Galicia do longo tránsito do Antigo Réxime ao liberalismo, amosou unhas características que ían máis aló da súa oratoria. Letrado, literato e político, este é un pequeno achegamento a súa vida.

Unhas orixes incertas

Moitas son as disputas sobre a súa localidade de nacemento. Varios autores defenden unha orixe localizada nalgunha antiga xurisdición do actual concello coruñés de Mesía, mais a maior parte da historiografía aposta por unhas raíces ourensás situadas ben na Peroxa, ben en Coles[1]. Porén, o propio Boado afirmou ser sobriño e afillado do ilustrado teólogo, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, natural de Curtis (A Coruña) e provinte dunha familia fidalga. De feito, aquel afirmou ter unha estreita relación co relixioso e, trala morte deste en 1806, conservou numerosa documentación do mesmo[2].

Estudante de Leis na Compostela de fins do s. XVIII, descoñecemos a súa actividade laboral ou política ata o período dunha Galicia liberal e libre de franceses (1809-1813). Secretario do Xefe Político do distrito coruñés ata o seu nomeamento como maxistrado en Pamplona intres antes do golpe de man de Fernando VII, en maio de 1814, non chegou a ocupa-lo cargo. Tras un novo baleiro marcado pola persecución aos liberais, o avogado agochouse ata o pronunciamento de febreiro de 1820 na Coruña, formando parte activa do mesmo e sendo fundamental para o triunfo do movemento iniciado por Riego nas Cabezas de San Juán (Sevilla) un mes antes[3]. A vitoria total das tropas liberais en Galicia, o 9 de marzo, permitiu o retorno de Pedro Boado á primeira liña política.

Ourense-Zamora-Ourense

O 27 de abril asumiu o cargo de Xefe Político subalterno dos distritos de Ourense e de Tui, asentándose na primeira cidade e liderando a administración política do territorio ata outubro dese mesmo ano, intre no que foi nomeado Xefe Político da provincia de Zamora. Substituído polo letrado ourensán Juan Zárate y Murga, coa reforma provincial de xaneiro de 1822 na que se creou a primeira provincia liberal de Ourense, produciuse o retorno de Pedro Boado á vella Auria.

O 12 de marzo de 1822 foi nomeado Xefe Político da nova provincia, ocupando o cargo no intre de auxe do conflito entre absolutistas e liberais. O seu goberno quedou marcado, pois, pola defensa do réxime liberal. A partires da entrada do exército francés na península, en abril de 1823, a situación volveuse insostíbel e lanzouse coas columnas liberais á defensa do territorio ourensán. Porén, o 19 de agosto tivo que marchar da provincia ante a inminente entrada das tropas galas na capital. Exiliado en Porto, foi perseguido polo absolutismo portugués ata que tomou un barco que partiu ben cara o Brasil, ben cara a Inglaterra. O único que semella certo é que o navío afundiu no Océano Atlántico nos meses finais de 1823 e, con el, o primeiro presidente da Deputación Provincial de Ourense[4].

O Tío Farruco

Durante a súa segunda estadía en Ourense, Pedro Boado publicou unhas das primeiras obras en prosa escritas en galego, o bilingüe diálogo O Tío Farruco. Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruido, despreocupado y compasivo. Cuaderno primero al cual seguirá el segundo. Contiene las principales disposiciones eclesiásticas y civiles, relativas a lo que comunmente se llaman derechos de estola y pie de altar. De elevada carga liberal, presenta un contexto bastante acertado da situación socioeconómica do rural galego. Publicado en 1823, o caderno segundo nunca saíu, mais o primeiro se converteu nun dos mellores exemplos conservados da prosa galega do s. XIX[5].

Notas ao pé

[1] Luis Manuel GARCÍA MAÑÁ: De los Corregidores a los Gobernadores Civiles de Orense. Madrid, Secretaría General Técnica del Ministerior del Interior, 1986, pp. 58-60; Bieito LEDO CABIDO (ed.): Enciclopedia Galega Universal. Vigo, Ir Indo, 1999, vol. III, p. 388; e Eduardo CEBREIROS ÁLVAREZ: “Instalación de la primera diputación provincial de Orense”, GLOSSAE. European Journal of Legal History, 12 (2015), p. 806-807.

[2] AHUSC, Concello de Santiago de Compostela, Libros de Actas, 352, f. 273, anv.: 26-V-1822.

[3] Ramón MARIÑO PAZ: “Pedro Boado Sánchez: Diálogo entre dos labradores gallegos afligidos y un abogado instruido, despreocupado y compasivo (1823)”, en Ramón MARIÑO PAZ (ed.): Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846. Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, vol. I, p. 242.

[4] Xosé Ramón BARREIRO FERNÁNDEZ: “La crisis política (1780-1833)”, en Jesús JUANA LÓPEZ e Julio PRADA RODRÍGUEZ (coords.): Historia Contemporánea de Galicia. Barcelona, Ariel, 2005, p. 95.

[5] Alfonso PRADA ALLO: “A imprenta en Ourense: os talleres de Pazos, producción”, Porta da aira: revista de historia del arte orensano, 3 (1990), pp. 136 e 138.

Máis artigos

Palencia, 1996. Graduado en Xeografía e Historia (2018) e Máster Universitario en Profesorado en Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato (2019) pola UVigo, así como Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea (2021) pola USC. Fun investigador contratado no grupo de Historia Contemporánea (HC1) da Uvigo (2018) e, actualmente, son investigador predoutoral en Protección do Patrimonio Cultural, dentro do devandito grupo de investigación. As miñas liñas de investigacións e publicacións baséanse no estudo das elites e do poder local desde a construción do Estado liberal, así como das institucións provinciais e municipais.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade