Las cuentas de las lecheras (y los lecheros) — Omnivoraz

As contas das leiteiras (e os leiteiros)

Unha opinión de Alarico de Roque, gandeiro.

O sector lácteo, particularmente o galego, está sumido desde hai décadas nun bucle de investimento, subidas de custos, prezos estancados e esquecemento por parte das Administracións, ao que agora debemos sumar a moi preocupante teoría de que é o culpable da destrución ambiental do planeta. Lonxe de poñerme a choromicar e apartando o tan manido costume dos meus compañeiros de profesión de dicir «isto é o que hai», escribo estas reflexións, apoiadas en datos, co único obxectivo de explicar que este bucle, chamado «crise láctea», e o que se aveciña son problemas reais que nos afectan a todos: granxeiros e consumidores.

Os custos

Cada poucos meses saen á luz datos sobre os custos de produción dun litro de leite e parece que, canto máis se publican, máis nos habituamos a estas cifras que, polo xeral, bordean os corenta céntimos de euro. De feito, afixémonos ata tal punto que moita xente dubida da súa veracidade, xa que, se os ingresos non superan os trinta e pico céntimos de euro por litro, dá para pensar que eses custos son ficticios. Pois non, non o son.

Neses corenta céntimos de euro van incluídos todos os gastos aplicables a calquera granxa. No que é unha fuxida cara adiante, o sector crece sen cesar para aumentar a facturación, coa ilusa idea de diluír en máis litros eses custos de produción, pero o certo é que estes van subindo ao mesmo tempo que o crecemento das granxas, como unha persecución infinita.

Hai un par de décadas, ou menos, o gasóleo, a electricidade, os pensos, os fertilizantes, a man de obra e os materiais de construción estaban, no peor dos casos, a metade de prezo que hoxe en día. Un sinxelo exemplo dunha gandaría normal: lembro encher o depósito do tractor a 0,36 euros/litro… No último pedido de combustible que recibín este ano o prezo era de 1,45 euros/litro.

Só un custo se puxo ao noso favor nestes últimos anos: o prezo do diñeiro —os xuros dos créditos—. Isto xerou a tormenta perfecta, levando moitas granxas a endebedarse como recurso máis á man para sobrevivir. Os disparados prezos das subministracións aféctannos a todos; no entanto, cos gastos das granxas tocando teito, a nosa marxe de manobra é cada vez menor.

A miúdo os nosos dirixentes non se refiren a nós como granxeiros ou autónomos, senón que nos chaman empresarios. Sería correcto se se cumprise un dos requisitos para poder selo, que é o de transferir os custos de produción ao noso produto, pero isto é totalmente imposible. Non se decatan —ou non queren decatarse— de que non temos nin o máis mínimo poder de decisión sobre o noso prezo de venda; o que cobramos polo litro de leite impono o comprador. E isto lévanos á seguinte volta deste bucle: os ingresos.

Transferir os custos de produción ao noso produto é totalmente imposible. Non temos nin o máis mínimo poder de decisión sobre o noso prezo de venda; o que cobramos polo litro de leite impono o comprador

Os ingresos

Hai xa máis de dezaseis anos que me incorporei á granxa, da que a miña nai era titular. En palabras súas, ela cobraba o leite «a cincuenta e cinco pesetas» —equivalentes a trinta e tres céntimos de euro—. A día de hoxe, eu cobro un prezo base de trinta céntimos de euro por litro. Ollo á diferenza, porque en moitas granxas eses tres céntimos de euro son a fronteira entre o beneficio ou a perda.

Aínda que non é normal que en tres lustros a diferenza de ingresos fose á baixa —sobre todo cando os gastos soben e soben…—, o motivo desta baixada é sinxelo e, asemade, imposible de crer. Ata hai moi pouco, toda a lexislación beneficiaba unha industria que, malia posuír un grande abano de marcas, se concentra baixo unhas poucas multinacionais e algunha empresa nacional que resiste o embate destes xigantes. Estas industrias levan anos pactando os prezos de compra ao produtor —non o digo eu, senón a sentenza de 2016 do Tribunal de Defensa da Competencia—; eses pactos ilegais sempre lles saen a conta, pois o custo dunhas sancións irrisorias non é comparable co aforro na compra de leite.

Así, aínda que noutros países europeos de mercados similares ao noso o prezo en orixe do litro de leite supera os trinta e oito céntimos de euro, aquí rara vez se achega aos trinta e tres céntimos de euro. Nada novo nun país no que as multinacionais campan ás súas anchas mentres os poucos que quedamos e mantemos o tecido social e produtivo do rural nos fundimos cada vez máis neste bucle. Un territorio rural que, por certo, pasou de ser o que reciclaba o aire mundial a ser o seu maior contaminante —esta tampouco é unha afirmación miña, senón deses grupos que se fan chamar «animalistas»—.

Las cuentas de las lecheras (y los lecheros) — Omnivoraz

As industrias levan anos pactando os prezos de compra ao produtor; eses pactos ilegais sempre lles saen a conta, pois o custo dunhas sancións irrisorias non é comparable co aforro na compra de leite.

A gran mentira

Mentres o sector lácteo se debate entre a súa desaparición ou a súa transformación en macrogranxas dirixidas desde oficinas a centos de quilómetros de distancia, a guerra mediática que se levanta contra os gandeiros en redes sociais e medios de comunicación é brutal e totalmente analfabeta —no que se refire a coñecemento e información sobre o sector—.

Actualmente, unha vaca de leite pasa máis controis médico-sanitarios que a maioría da poboación: control sanitario obrigatorio, control sanitario optativo —ou semiobrigatorio, porque sen el quedariamos excluídos das subvencións— e control veterinario exhaustivo. Unha vaca enferma non produce leite, e a que non produce non é un ben senón un gasto, pero, ademais, creádelo ou non, querémoslles aos nosos animais e, por tanto, desexamos o seu benestar.

E que dicir dos eructos das vacas…? A contaminación «desde as gandarías para o mundo»…, se Orwell levantara a cabeza… A emisión de metano e amoníaco nas granxas de vacún é innegable, como ocorre con calquera ser vivo do planeta. Con todo, a diferenza do resto, as vacas xeran moitos máis beneficios que o de darnos un dos alimentos nutricionalmente máis completos.

En toda granxa familiar se manexan prados dos cales as vacas comen e, se por unha banda, producen emisións, por outro, os cultivos que se requiren para a súa alimentación tamén neutralizan gran parte delas e de CO2. Está máis que demostrado cientificamente que calquera planta neutraliza máis gases na súa fase de crecemento —a nosa herba, o noso millo, etc.— que a propia Amazonia —por suposto, falo de neutralizar gases, non de importancia medioambiental—. No seu conxunto, a gandaría é practicamente unha actividade neutra para o medio ambiente, sempre e cando esta siga a ser familiar ou, como se di agora, de tamaño medio —o tan aclamado como descoñecido concepto de sustentabilidade—.

Pero, se os custos seguen subindo e os prezos en orixe non se moven, esta maneira de traballar cambiará: as pequenas granxas como a miña terán pechado e serán outro tipo de gandeiros os que montarán as súas explotacións de vinte mil vacas. Amigos meus, estas macrogranxas si que van ser un problema ambiental e, por suposto, nese caso si que serán empresarios e trasladarán os seus custos ao prezo de venda.

Cando iso aconteza, quizais o leite xa non sexa un produto en continua oferta no supermercado, senón un artigo de luxo ou para gourmets. Pensaredes nisto a próxima vez que vos atopedes ante un lineal con litros de leite a sesenta céntimos? Se o noso sector agropecuario deixa de producir, como será a calidade dos produtos importados para abastecernos, canto teremos que pagar por eles e cal vai ser o custo medioambiental desas importacións? Seguides pensando que a crise dos produtores non chegará aos consumidores?