Ensalada rusa vegana

Moi boas! Xa van chegando os días de ir á praia ou facer unha ruta camiñando, e que mellor prato para levaren de pic-nic que unha ensalada rusa. É un prato que me encanta e desta vez quixen probar unha versión vegana. A verdade é que quedou moi rica!

Como é normal, pódese modificar ao gusto: se non tendes cogombriños podedes cambialos por olivas negras (mellor sen carabuña!), podedes engadir cebola seca, alcaparras, etc. Sobre a maionesa vegana: podédela atopar en supermercados e tendas especializadas. Se a queredes facer vós, esta receita está moi ben.

Ingredientes (para 3 ou 4 porcións)

4 patacas medianas

2 cenouras medianas

Medio cogombro

25-30 cogombriños pequenos en vinagre

100 de chícharos cocidos

300 ml de maonesa vegana

Media culleriña de pementa negra moída

Sal ao gusto

  1. Poñemos auga cunha culleriña de sal a ferver nunha pota mediana.
  2. Pelamos as patacas e as cenouras e facemos dados de 2×2 no caso das patacas, e rodas de 2 cm de grosor no caso das cenouras.
  3. Botámolos na pota e cocemos durante 15 minutos, ata que os anacos estean brandos pero firmes.
  4. Escoamos e deixamos arrefriar
  5. Nun bol grande, botamos os chícharos, os cogombriños ben picados e o cogombro pelado e cortado en dados de 0,5 cm aproximadamente.
  6. Picamos as patacas e cenouras un pouco máis pequenas para que se mesturen mellor. O tamaño vai ao gusto de cada un.
  7. Botamos as patacas, cenouras e a maonesa no bol. Engadimos a pementa e o sal. Remexemos todo ben e deixámolo no frigorífico a lo menos un par de horas.
  8. Decoramos cuns cogombriños extra e unhas pingas de aceite de oliva, un chisco máis de pementa negra e servimos con pan torrado.

Que aproveite!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *