Mousse de auga e chocolate

Non sabía moi ben que poñerlle de nome a esta espectacular mousse de auga e chocolate, mais así xa vos conto que estes dous son os únicos ingredientes que precisamos para preparala. Só chocolate e auga? Pois si. Sei que pode resultar raro, mais queda unha mousse moi cremosa, suave e esponxosa, que se desfai na boca. 

mousse de auga e chocolate

Ademais, como iremos batendo pouco a pouco, poderemos deixala coa textura que máis nos guste. Mais tipo crema de ovo, ou máis como mousse. O sabor, MOI intenso a chocolate. Polo que se sodes moi amantes do chocolate, esta é a vosa mousse. E se aínda por riba lle sumamos que a teremos preparada en menos de 10 minutos, xa vos convencín de vez, non si?

mousse de auga e chocolate

Eu fixen a versión máis básica: só auga e chocolate. Mais aínda que só leva estes dous ingredientes, podemos darlle un toque de sabor. E como? Moi sinxelo. A auga que empreguemos para o chocolate, podemos infusionala: con laranxa, canela, menta, vainilla… Ou engadirlle un chisquiño de sal ou picante que sempre fai un bo contraste.

mousse de auga e chocolate

O chocolate, sendo un dos dous ingredientes, mellor que sexa de boa calidade. E cunha porcentaxe de cacao de mínimo 70%. Con menos porcentaxe, non sei se sairía coa mesma textura. Todo é probar e xa me contades. E así, tamén é unha opción de mousse moito máis saudábel que a receita tradicional. A cantidade de azucre da mousse será a que leve o propio chocolate. 

Ingredientes para 4 persoas

  • 225 gramos de chocolate negro mínimo 70%

  • 170 ml de auga

  • Xeo e un pouco de auga fría

  • 200 ml de nata para montar e 2 culleradas de azucre (opcional)

preparación

  • Picamos o chocolate para que así se derreta por igual. Poñemos a auga a quentar. Non precisamos que ferva. Colocamos un cunco con xeo e un pouco de auga fría, e poñemos outro cunco enriba.mousse de auga e chocolate
  • Engadimos o chocolate picado na auga quente e mesturamos ata que estea ben integrado e o chocolate todo desfeito.mousse de auga e chocolate
  • Botamos a mestura de auga e chocolate no cunco que temos enriba do xeo e comezamos a bater. Podémolo facer a man ou co batedor eléctrico.mousse de auga e chocolate
  • Batemos durante uns minutos e xa iremos vendo como a mestura vai, pouco a pouco, espesando.mousse de auga e chocolate
  • En canto vexades que está como a queredes, botádea sobre os vasiños. Agora podemos degustala así xa, acabada de facer, ou ben deixala na neveira.mousse de auga e chocolate
  • Montamos a nata con azucre e poñémoslla por riba.mousse de auga e chocolate

Outra das bondades desta mousse é que se por calquera cousa non vos sae ben. Ou ben porque botastes auga de menos, ou chocolate de máis. Sempre podedes voltar poñela a quentar, modificar os ingredientes e probar de novo. A parte da nata montada é, obviamente, totalmente opcional, mais como o seu sabor a chocolate é moi intenso, a verdade é que o contraste da nata quédalle moi ben. Dálle un toque fresco e fai que sexa un chisco máis larpeira. A mousse aguanta perfectamente uns 5 días na neveira. E se a facedes coa nata, tamén aguanta sen problema.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.