Actualidade Arabia Saudita compra o 5 % de Nintendo

Arabia Saudita compra o 5 % de Nintendo

Si, é certo. O Fondo de Investimento Público (FIP) de Arabia Saudita, o fondo soberano do país establecido polo príncipe Mohamed bin Salmán, acaba de mercar o 5,01 % de Nintendo. O medio internacional Bloomberg foi o encargado de dar a nova, explicando que agora, logo desta compra, o FIP sería o quinto maior accionista de Nintendo segundo os datos que posúen.

Prestaría dar máis detalles, pero é que a mesma Nintendo, segundo o recollido polo medio a un portavoz da Gran N, non tería moita idea do tema e sabería da compra polas novas económicas. Sexa como for, segundo explica o medio internacional, o FIP vén realizando diversos investimentos, bastante semellantes a este último, na industria do videoxogo, máis aínda se no mercado xaponés cando o yen non pasa polo mellor momento. Hai uns meses mercaron tamén o 5 % de Capcom e Nexom; a principios de ano adquiriron accións de Activision, EA, Take-Two e SNK; e como estaban ben de cartos, tamén mercaron a ESL por mil millóns de dólares, a coñecida empresa de produción e realización de macro eventos e torneos nos deportes electrónicos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.