Qualcomm presenta a súa nova proposta de lentes para a realidade aumentada

venres, 20 de maio do 2022 Marcus Fernández

Qualcomm está a renovar a súa proposta de deseño de referencia para a realidade aumentada, de xeito que amosou publicamente un deseño de lentes de realidade aumentada que grazas á incorporación do sistema FastConnect 6900 conseguiría funcionar completamente sen fíos, prescindido do cable que a solución predecesora precisaba para conectar as lentes cun ordenador ou un smartphone que realizase a carga dos cálculos necesarios para procesar a información.
Estas lentes funcionarían coa plataforma Snapdragon XR2, e con respecto da xeración anterior tamén conseguirían reducir o grosor un 40% e distribuír o peso dun xeito máis equilibrado, polo que estamos ante un prototipo que sería bastante máis cómodo e atractivo, aínda que cómpre lembrar que estamos ante deseños de referencia que polo momento non parecen estar a adoptar os fabricantes, pois a aposta por estas tecnoloxías aínda son moi tímidas (especialmente ante o peso que ten Meta neste sector).
A proposta de Qualcomm contaría cunha pantalla binocular micro-OLED que ofrecería unha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles por ollo a 90 Hz. Tamén integrarían dúas cámaras monocromo e unha RGB para rexistrar o contorno, á vez uqe as lentes contan con seguimento de cabeza e de mans, así como recoñecemento de xestos. A comunicación sen fíos realizaríase a través de Wi-Fi 6/6E e Bluetooth.
Queda agora por ver se nos vindeiros meses hai algún fabricante que ousa coller este deseño e o converte nun produto comercial.

PUBLICIDADE