Xiaomi anuncia os novos Note 11T Pro, 11T Pro+ e 11SE

O fabricante chinés Xiaomi anunciou na tarde de onte tres novos modelos da serie Redmi Note 11, os Redmi Note 11T Pro, Redmi Note 11T Pro+ e Redmi Note 11SE. Os tres dispositivos inclúen procesador MediaTek Dimensity 8100, e comparten un deseño semellante, aínda que con diferenzas técnicas na súa ficha de especificacións.

Redmi Note 11T Pro

O Redmi Note 11T Pro está equipado con un procesador MediaTek Dimensity 8100, e opcións de 6 ou 8 GB para a memoria RAM, e 128 ou 256 GB para a memoria interna. A súa pantalla é un panel IPS de 6,6 polgadas, con resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles) e unha taxa de refresco de 144 Hz.

A súa cámara traseira está formada por un sistema triple, cun sensor principal de 64 MP, xunto cun gran angular de 8 MP e un sensor macro de 2 MP, mentres que a cámara dianteira é un sensor único de 16 MP.

A batería é de 5.000 mAh de capacidade, con carga rápida de 67 W, e entre as especificacións de conectividade temos 5G, Bluetooth 5.3, WiFi 6, NFC 3.0, USB-C, jack de 3.5 mm e sensor de pegadas dixitais, que se sitúa no lateral.

Redmi Note 11T Pro+

O Redmi Note 11T Pro+ é practicamente idéntico á versión estándar, con que comparte procesador, pantalla, e opcións de memoria para almacenaxe, aínda que só terá unha opción para a RAM: 8 GB.

O único cambio é a batería, que pasa a ser de menor capacidade, concretamente 4.500 mAh, pero cunha carga moito máis rápida, de 120 W.

Redmi Note 11SE

Pola súa banda, o Redmi Note 11SE é unha versión máis sinxela, que chega cun procesador MediaTek Dimensity 700, con opcións de 4 ou 8 GB de RAM e 128 GB de almacenaxe interna.

Dispón dunha pantalla IPS de 6,5 polgadas, con resolución FullHD+ (2400 x 1080 píxeles) e taxa de refresco de 90 Hz, e a súa cámara triple traseira está formada por un sensor principal de 48 MP e sensores gran angular e macro sen especificar.

Dispón de conectividade 5G, Bluetooth 5.2, WiFi 6 e sensor de pegadas dixitais no lateral. A súa batería fica nos 5000 mAh, e dispón de porto USB-C e jack de audio de 3.5 mm.

Dispoñibilidade e prezo

Polo de agora estes tres modelos van estar dispoñíbeis en China, aínda que todo fai indicar que proximamente sexan comercializados noutros países, entre eles o noso. En canto ao prezo, pódense adquirir polas seguintes cantidades (ao cambio).

  • Redmi Note 11T Pro (6 + 128 GB): uns 250 €.
  • Redmi Note 11T Pro (8 + 128 GB): uns 280 €.
  • Redmi Note 11T Pro (8 + 256 GB): uns 310 €.
  • Redmi Note 11T Pro+ (8 + 128 GB): uns 295 €.
  • Redmi Note 11T Pro+ (8 + 256 GB): uns 320 €.
  • Redmi Note 11SE (4 + 128 GB): uns 140 €.
  • Redmi Note 11SE (8 + 128 GB): uns 180 €.

Sobre o autor

Reply