VIALIA
bannerPicnicSesions

Rufus Wainwright: “A partir dos 40 comezas a decatarte do que é realmente a vida”

Un dos moitos artistas que van visitar Vigo este verán da man do Xacobeo é Rufus Wainwright. O músico norteamericano actuará no Teatro Afundación este 2 de xullo para presentar Unfollow the Rules, un disco publicado en plena pandemia onde retoma sons de carácter máis folk e pop que os seus predecesores, marcados pola música teatral e operística. Falamos con el sobre esta nova etapa artística e vital. As entradas xa están dispoñibles.

Rufus Wainwright retratado por Tony Hauser

Rufus Wainwright é fillo dos cantantes Loudon Wainwright III e Kate McGarrigle e irmán da tamén músico Martha Wainwright. Con seis anos xa tocaba o piano e aos 13 xiraba coa súa familia. Tivo que agardar ata os 25 para publicar o seu primeiro traballo homónimo, onde destacou como un notable compositor e cantante. “Considérome unha persoa extremadamente afortunada por nacer nunha familia tan musical. Tamén é certo que non por ter máis oportunidades significa que non teñas que traballar moi duro”, explica o artista.

Tres anos despois do seu debut discográfico estreouse o filme Shrek, no que Rufus interpretou de maneira soberbia a piano e voz o himno de Leonard Cohen ‘Hallelujah’. “Cando gravei aquilo non tiña nin idea de que era Shrek ou que era ‘Hallelujah’. Ao meu manager pareceulle boa idea e graveino en 10 minutos esa mesma tarde. 25 anos despois podo dicir que posiblemente sexa a cousa máis importante que fixen na miña carreira”, lembra.

REVISTA ABRIL

Curiosamente, este non é o único nexo do estadounidense con Leonard Cohen. Ademais de versionar outros temas do canadiense, como ‘Chelsea Hotel No.2’ ou ‘Everybody Knows’ (a súa irmá Martha tamén versionou ‘Tower of Song’), Rufus tivo un fillo con Lorca Cohen, filla de Leonard, mediante inseminación artifical. “Miña filla ten unha voz preciosa e encántalle actuar”, comenta sobre a rapaza de 11 anos.

The Beatles ou Judy Garland son outros dos artistas aos que Rufus quixo homenaxear a través das súas versións. Aos primeiros, cunha fermosa interpretación do tema de Lennon ‘Across the Universe’ e á segunda con dous disco enteiros: Rufus Does Judy At Carnegie Hall (2007) e Rufus Does Judy At Capitol Studios (2022). “É unha homenaxe pero tamén unha parte importante da miña educación musical. Como cantante e compositor teño a oportunidade de interpretar estas cancións e aprender delas desde dentro”, subliña Rufus.

Rufus interpretando ‘Across de Universe’ con Moby e Sean Lennon, fillo de John Lennon.

Preto de cumplir medio século de vida, Rufus móstrase máis feliz que nunca. Casado con Jörn Weisbrodt desde 2012 e cunha traxectoria sólida desde hai varias décadas, o seu último disco desprende un optimismo que non sempre acompañou ao artista. A canción  ‘Peaceful Afternoon’, con versos tan poderosos como “And now that our machine is running at full steam | I pray that nothing shucks a wrench into the matter | But between sex and death and tryin’ to keep the kitchen clean | Remember wild roses bloom best in ruins forever after“, supón unha fermosa canción de amor ao seu marido: “Para calquera persoa nova recoméndolle chegar aos 40 para comezar a decatarse do que é realmente a vida”, resume.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.