Divulgación EventosProxectos

ODSAS, open source na análise costeira

Como xa explicamos noutras ocasións, o cambio global é un dos maiores retos da sociedade actual. Coñecer como é e será a evolución da nosa costa é fundamental para poder facer fronte aos efectos do aumento do nivel do mar ou dos temporais, pero, pódense medir estas mudanzas gratis?

O estudo dos cambios na liña de costa é unha práctica moi estendida ao longo do globo, pero na meirande parte dos casos estas análises depende de softwares de pago para coñecer como cambian estas zonas. Neste senso, durante unha estadía que realicei no British Geological Survey (BGS) estivemos traballando na integración de dous softwares libres cos que poder realizar estes procesos de xeito gratuíto. Pero, é isto realmente importante?

O emprego de software libre está cada vez máis estendido en moitos ámbitos da xestión e da ciencia. Un dos seus maiores beneficios é que calquera persoa pode empregar estas ferramentas e obter os seus propios resultados, o que favorece unha ciencia máis aberta e na que se poidan estudar máis rexións, o que desemboca nunha clara mellora do noso coñecemento.

Neste senso é no que nace ODSAS (Open Digital Shoreline Analysis System), unha ferramenta que mediante o emprego de SAGA GIS e CoastCR, permite que o usuario poida estimar as variacións vividas pola costa. Trátase dun procesado moi sinxelo, no que a partir das liñas de costa de distintas datas ou fontes e unha liña de referencia, podemos estimar se un sector está sufrindo erosión, se pola contra está progradando ou se se mantén estábel.

Arestora esta ferramenta xa forma parte de varios proxectos de investigación e comezamos a obter os primeiros resultados da súa aplicación no eido científico. Se estás interesado/a no seu emprego ou queres colaborar na súa mellora non dubides en contactar connosco ou revisar o pequeno manual que incluímos no Appendix A da segunda publicación relacionada con ODSAS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

This site is protected by reCAPTCHA and the Google Privacy Policy and Terms of Service apply.