Caen as vendas de xogos para consolas PlayStation

venres, 29 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Os últimos resultados financeiros de Sony, relativos ao trimestre que remata o 30 de xuño, e no que fan unha previsión de cara ao ano fiscal que remata o 31 de marzo de 2023, reflicten unha situación moi complexa no mercado dos videoxogos, pois os problemas de subministración de consolas de nova xeración teñen un impacto directo nas vendas de xogos, polo que a compañía nipoa é un tanto pesimista.
Até a data habería un parque de consolas PlayStation 5 de 21,7 millóns de unidades, o que parece unha cantidade bastante elevada, pero é moi inferior ao que podería ser se as tendas puidesen adquirirse con normalidade nas tendas.
O grande síntoma da situación actual vese na venda de xogos, que no último trimestre foi de só 47,1 millóns de títulos, dos que 6,4 millóns corresponderían a xogos da propia Sony, cando no mesmo período do de 2021 venderon 63,6 millóns de xogos e 10,5 millóns de xogos de Sony. Vemos aí unha caída das vendas que parece responder directamente ao feito de que os usuarios teñen pouco interese en facerse con xogos da anterior xeración, pero non poden dar o salto á nova xeración por falta de consolas.
Un detalle que tamén podemos salientar é que o 79% das vendas de xogos corresponderon a formatos descargables, o que pode resultar rechamante se temos en conta que a meirande parte das consolas de nova xeración que se venden inclúen aínda lector para discos físicos.

PUBLICIDADE