fbpx
CompostelaCulturaNovas

Grandes nomes da vangarda musical actuarán en Compostela do 8 ao 11 de setembro dentro do WOS Festival x SON Estrela Galicia

A VI edición de WOS Festival x SON Estrela Galicia, que conta co apoio do Concello de Santiago, ultima preparativos antes da súa celebración esta semana entre o 8 e o 11 de setembro en Compostela. O programa está formado por numerosos concertos, con estreas a nivel nacional e internacional, dj sets, cinema e un programa de conferencias en torno ao pensamento e debate.

A nova entrega de WOS Festival x SON Estrela Galicia presentouse nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi que contou coa participación da concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o director do festival, Iván Arias; o deputado de Promoción Económica pola Deputación da Coruña, Blas García; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e o responsable de patrocinios musicais de Estrela Galicia, Víctor Martiñán.

A rolda de prensa arrancou coa intervención da concelleira Mercedes Rosón que salientou que se trata dunha cita cultural “dunha calidade indiscutible” que ademais “aporta moitísimo a Compostela, máis alá da música, pola cantidade de eventos paralelos ás actuacións musicais”. A edil tamén fixo fincapé no “exemplar nivel de organización do evento que logra xestionar á perfección os diferentes espazos e garantir a seguridade de todos os asistentes” e reiterou o “apoio presente e futuro” do Concello a este evento.

Iván Arias, director do festival, describe esta nova “volta á normalidade” como “moi ilusionante”. A nova edición onde WOS Festival x SON Estrela Galicia, continúa coa aposta do festival por presentar propostas contemporáneas en torno ao “risco, a innovación e a exploración” co obxectivo de ofrecer unha alternativa cultural e artística de calidade en Santiago. “Temos artistas moi difícil de ver nesta situación periférica. Hai numerosas estreas en España e algún internacional. Trátanse todos de artistas moi especiais e únicos”.

A edición deste 2022 do evento desenvolverase en doce localizacións de valor patrimonial da capital galega: o museo CGAC, o Teatro Principal, as Igrexas de Bonaval e da Universidade, as salas Capitol e Malatesta, a Fundación Eugenio Granell, a Sede Afundación, o Auditorio Abanca, o cinema Numax, a Fundación SGAE e o Parque de Bonaval.

WOS Festival x SON Estrela Galicia dará comezo o xoves 8 de setembro co concerto de Holy Other no Teatro Principal. O seu espectáculo inclúe imaxes do artista visual portugués Pedro Maia. Holy Other é un artista de referencia do witch house que volveu tras nove anos de ausencia cun novo álbum, Lieve. A súa programación estenderase desde entón durante toda a fin de semana. Tanto o programa de conferencias en torno ao pensamento e debate como os concertos e dj sets programados no Parque de Bonaval de maneira gratuíta.

Entre a programación inclúese a estrea mundial de ‘ATAARPHONOAK’, o espectáculo audiovisual do estadounidense Rafael Anton Irisarri e Florence To, numerosas estreas en España, como a presentación do novo traballo da italiana Caterina Barbieri ou o debut no noso país do británico Blackhaine entre moitos outros. Outra das grandes novidades é a volta da programación de clubbing con referentes a nivel europeo como as neerlandesas upsammy e mad miran.

O festival está organizado pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY. O evento conta co apoio estratéxico de SON Estrela Galicia vinculando unha vez máis o seu nome como patrocinador principal e co apoio institucional do Concello de Santiago, a Deputación provincial da Coruña, a Xunta de Galicia a través de Xacobeo 21-22 e AGADIC, ademais doutras institucións e axentes culturais que operan na cidade. Tanto os últimos abonos como as últimas entradas de día, así como as de actividades puntais, están á venda e pódense adquirir a través de wosfestival.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.