fbpx
CulturaGaliciaNovas

Xa hai finalistas da 9ª edición dos Premios Martín Códax da Música!



O Salón de Congresos e Exposicións José Peña, en Cambados, foi o escenario
da festa de finalistas dos 9º Premios Martín Códax da Música. Alí desveláronse os nomes das corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final desta edición 2022. Todos os finalistas recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación. Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, co patrocinio e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, AGADIC-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. Na categoría de Pop e Indie os artistas seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático. As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto. Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro recibiron o seu agasallo como finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima.

No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas 2022 Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño. Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final dos mesmos, Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia. En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados na tarde do mércores 14, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîmae Os d’Abaixo. Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil; mentres que en Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas de Música Popular, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.

Os Premios Organistrum, que recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia, tamén tiveron en Cambados anuncio de finalistas. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.

 

Case 400 candidaturas musicais e xurado 2022

A Festa de Finalistas contou coa intervención do presidente das adegas, Xoán Antonio Allegue López, e da presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. Asistiron ao acto a responsable de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces. Allegue López reseñou na súa intervención o apoio á cultura “como parte da identidade das bodegas, especialmente no caso da música” e manifestou o orgullo de ir da man do conxunto de músicas e músicos de Galicia nos Premios Martín Códax.

 

O pasado 3 de setembro finalizaba a reunión e votacións do xurado dos Premios Martín Códax da Música 2022, de onde saíu a selección de proxectos finalistas que hoxe se presentaron. Ademais o xurado encargouse de seleccionar o premio Artista Emerxente, unha das novidades en canto a categorías extraordinarias que se darán a coñecer na propia gala deste ano. Como explicou a presidenta da entidade, Xiana Lastra, durante a festa de finalistas, preto de catrocentros proxectos presentáronse a esta novena edición dos premios. Lastra tivo un efusivo agradecemento para as Bodegas Martín Códax, os patrocinadores institucionais e o xurado. Este estivo integrado en 2022 por Adriana Tarela, produtora e xerente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), Rubén Fernández, músico e docente, Pedro Iglesias, produtor e técnico de son, Lois Atanes, xornalista musical, e Silvia Penide, cantautora. A votación abrirase aos socios e socias de Músicas ao Vivo entre o 15 de setembro e o 2 de outubro. Ademais este ano abrirase a participación tamén ao público, que poderá votar na outra nova categoría extraordinaria desta edición (Artista do Ano) a través da páxina web dos Premios . Nos próximos días tamén se desvelará o Premio Honorífico 2022. A gala desta 9ª edición dos Martín Códax celebrarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra; ali coñeceremos todas as propostas premiadas da edición, incluídas as das novas categorías extraordinarias: Artista Emerxente e Artista do Ano.

 

OS PROXECTOS FINALISTAS 9º PREMIOS MARTÍN CODAX DA MÚSICA, 2022

 

Pop e Indie: De Vacas, Anxo Araujo, Néboa

Rock: Familia Caamagno, Moura, Bala

Canción de Autor/a: Antía Muíño, Xóan Curiel, Sofía Espiñeira

Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo, O Rabelo, Ilmarto

Blues, Funk e Soul: Nastasia Zürcher, Udra, O Cadelo Lunático

Electrónica: Grande Amore, Garza, Hilario Rodeiro

Metal: Arrhythmia, Grima, Teima

Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío, Katerina Linke, Fernando Abreu

Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación, Valentín Caamaño

Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Nebra, Sheila Patricia

Música Tradicional: Airiños da Freba, Cántigas e Frores, Os da Porfía

Folk: Cuarteto Caramuxo, Oîma , Os d’Abaixo

Música Infantil: Mamá Cabra, Pitusa Semifusa, Martiña Soñadora

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: La Oca Band, Bicoia, América de Vigo

Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música Cultural de Salceda, A Banda de Lombás

Finalistas Organistrum:

Salas: A Arca da Noe, Sala Karma, Sala Rebullón

Festivais: Festival de Ortigueira, Canteira Fest, Canjazz

Espazos de Comunicación: Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo, Descúbreas