Actualidade Rockstar Games recoñece as filtracións do GTA VI e lanza un comunicado

Rockstar Games recoñece as filtracións do GTA VI e lanza un comunicado

Calquera nova relacionada con Rockstar e cun novo Grand Theft Auto é, de xeito habitual, un reclamo demencial de atención e lecturas. A compañía, lendaria xa dentro da industria, é unha das máis opacas á hora de ensinar avances no desenvolvemento dos seus xogos, que case semellan segredos até que ven a luz. Porén, nas últimas 24 horas, Rockstar viu como as redes sociais se enchían de posíbeis imaxes do chamado GTA VI. E si, eran reais. A filtración é grande.

Hai ducias de vídeos e non poucas imaxes que Rockstar recoñece como súas. Non imos entrar nesta noticia a valorar que cidade semella ser o escenario nin o contido das mesmas, é doado atopalas e cómpre respectar os procedementos de desenvolvemento nese sentido. Sexa como for, os vídeos, que algúns sitúan como gravados no 2019 —o estudio non afirma nin desminte este asunto—, son unha mostra clara de gameplay en evolución, cheos de ferramentas e indicadores de probas. Sería difícil saber se mesmo podería chamarse unha alpha.

Nun comunicado, a compañía recoñece que si, que iso é o vindeiro xogo que teñen entre mans e pode que cheguen máis, pois un usuario da rede afirma que ten moitas máis e mesmo código do título e do GTA V. A estas horas xa é máis difícil atopar os vídeos, pero están aí. A continuación queda o comunicado e a súa tradución:

«De xeito recente sufrimos unha intrusión na rede na que un terceiro non autorizado accedeu ilegalmente a información confidencial dos nosos sistemas e descargouna, incluíndo as primeiras imaxes de desenvolvemento do próximo Grand Theft Auto. Neste momento, non prevemos ningunha interrupción dos nosos servizos de xogo en vivo nin ningún efecto a longo prazo no desenvolvemento dos nosos proxectos en curso».

«Estamos moi decepcionados por compartir con todos vós os detalles do noso próximo xogo deste xeito. O noso traballo no próximo xogo de Grand Theft Auto continuará segundo o previsto e seguimos tan comprometidos como sempre en ofrecervos a vós, os nosos xogadores, unha experiencia que realmente supere as vosas expectativas. Pronto volveremos informar a todos e, por suposto, presentarémosvos adecuadamente este próximo xogo cando estea listo. Queremos dar as grazas a todos polo seu apoio constante nesta situación».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.