Logitech anuncia unha consola portátil orientada ao xogo na nube

mércores, 21 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Hai varias semanas filtrouse que Logitech estaba a preparar unha consola portátil orientada ao xogo na nube, e finalmente presentouse oficialmente a Logitech G CLOUD Gaming Handheld, un dispositivo con mandos de xogo de precisión, pantalla IPS Full HD de 7 polgadas, batería de grande capacidade (que permite unha autonomía de máis de 12 horas) e un deseño lixeiro (só 463 gramos) e delgado que pretende resultar atractivo para gozar dos xogos de ordenador e consola a través do poder na nube.
Esta consola é froito da colaboración entre Logitech G e Tencent Games, e está optimizada para gozar de xogos a través dos servizos de xogo na nube de Xbox e nVIDIA, así como dos sistemas de xogo remoto de Xbox e Steam, aínda que ten potencia dabondo para correr con solvencia moitos dos xogos dispoñibles na tenda de Google Play (xa que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 720G).
Esta máquina sairá á venda en outubro a un prezo promocional de 299,99 dólares nos EE.UU. (aínda non coñecemos as condicións de comercialización para o mercado europeo), polo que será interesante ver se o público estará disposto a pagar unha cantidade tan elevada por unha consola tan dependente de servizos de subscrición (e que pode substituírse por un smartphone ou unha tableta con Android).

Vídeo promocional da nova consola portátil de Logitech

PUBLICIDADE