Risotto de cogomelos e estrugas

O outono é a estación perfecta para cociñar. Unha chea de produtos de calidade, de proximidade e que se deixan querer en calquera receita. Tanto doces como salgadas. Neste blogue xa levamos unhas poucas. Este outono xa fixemos algunhas con cabaza, mazá e figos. Mais aínda queda moito por facer, non credes? E os cogomelos… non podían faltar! E ademais, xa tocaba un prato que non fose lambetada. E este risotto de cogomelos e estrugas está boísimo. 

risotto de cogomelos

Eu empreguei cogomelos que merquei na tenda, porque este ano aínda non fun apañar cogomelos. E aínda non sei se poderei ir. Mais se vós podedes, de seguro que o sabor do risotto mellorará moitísimo. As estrugas si que as fun apañar. E xa aproveitei para coller ben delas, escaldalas e conxelalas para telas preparadas para outro día facer outro risotto, algunha quiche ou ata outra lambetada. Como é algo que leva tempo facer e preparar, é mellor coller moitas e deixalas preparadas para outra receita. 

risotto de cogomelos

O toque de limón é esencial. Se sodes moi seareiras do limón, podedes botarlle tamén o zume. Dálle un sabor moi fresco, que potencia todos os outros sabores e que destaca coa suavidade dos cogomelos. Eu non son moito de limón nos pratos salgados, mais neste risotto encantoume! Así que se vos pasa coma a min, probade e xa veredes que marabilla.

Ingredientes para 4 persoas

  • 400 gramos de arroz Carnaroli

  • 250 gramos de cogomelos variados

  • 1 cebola ou chalota en anaquiños

  • 50 gramos de estrugas

  • 1 limón relado

  • 30 gramos de manteiga

  • 1.2 L de caldo de verduras ou de polo

  • Pecorino romano ao gusto

PREPARACIÓN

  • Nun cazo, desfacemos a manteiga e botamos a cebola cortada en anacos pequenos. Cando estea transparente, engadimos os cogomelos tamén cortados ao gusto. Deixamos que se fagan a lume medio.
  • Mentres, cocemos as estrugas durante 10 minutos. Escorremos, cortamos en anacos e reservamos.
  • Poñemos o caldo a quentar.
  • Botamos o arroz cos cogomelos e mesturamos todo, facendo que se cociñe ata que o arroz fique transparente (3/4 minutos).
  • Imos engadindo caldo ben quentiño, co cullerón, pouco a pouco. Sen parar de remexer.risotto de cogomelos
  • Cando o arroz xa case estea cociñado, engadimos as estrugas e mesturamos.risotto de cogomelos
  • Cando o arroz xa está preparado, apagamos o lume e botamos o pecorino e o limón relados. Se lle botades o zume, podedes botarllo tamén agora. Mesturamos e servimos.risotto de cogomelos

Para degustalo, sempre ben quentiño e cun chisco máis de pecorino e limon relado por riba. E se vos sobra, aínda que non creo, sempre podedes facer uns arancini. Aproveitade para facelo cos cogomelos que máis vos gusten, especialmente agora que están de tempada.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.