De troula


Poucas cousas hai máis humanas que celebrar cando as cousas saen ben. En realidade, calquera cousa é unha boa excusa para festexar: un aniversario, un nacemento, unha unión, un triunfo, unha conquista, unha boa nova, que a noite é plácida, que remata o ano ou que somos xoves e vai sol, como dicía unha viandante na reportaxe sobre a felicidade que Jean Rouge e Edgar Morin nos brindaron en Chronique d’un Été (1961). Tanto ten o motivo, nós, como seres humanos, estaremos sempre dispostos a rendirlle unha homenaxe á boa fortuna cunha celebración. Ten que ver moito coa felicidade que buscaban Rouge e Morin, de feito, pois a festa pura e secular é a manifestación máis estrondosa e desenfreada da ledicia. 

image

Falemos dos anos 20, unha época que poderiamos considerar de auxe do cinema, de difusión do formato da longametraxe de ficción para trasmitir historias ás masas. O cinematógrafo percorre todos os continentes propagando e normalizando a costume -a aficción- de ir ao cinema a ver unha película; tamén xorden novas correntes como o expresionismo e outras vangardas que diversifican as narrativas cinematográficas. 

E que ocorre nos anos 20 do século pasado, hai agora cen anos? Un cambio importante de mentalidade, sen dúbida. Como Raquel C. Pico analiza en Noticias da modernidade (2021), as mulleres experimentan novas liberdades, loitan contra as vellas cadeas. A xente esquece os vellos protocolos de comportamento e entrégase ao flirt e ao charlestón e mozos e mozas acuden aos thés dansant a bailar toda a tarde. 

image

O cinema non é alleo a isto, por suposto. O novo medio (xa non tan novo) pobóase de sheiks, vamps e flappers que se abandonan á esmorga como catalizador das súas ansias xuvenís, á caza do flirt, ao anhelo de esquecer os problemas e desfrutar sen complicacións. Non esquezamos que saímos dunha guerra, a Primeira Guerra Mundial, para caer nunha década despreocupada, áxil e -relativamente- feliz, os roaring twenties

Cos anos 30 e 40, a Gran Depresión e mais a Segunda Guerra Mundial, con toda a escuridade que trouxo -xenocidio, crimes de guerra, éxodo- ficou menos tempo para celebrar, e as festas convertéronse en celebracións modestas e, nalgúns casos, agridoces, como a que acoden Tom Joad e a súa familia en The grapes of Wrath (John Ford, 1940), chea de melancolía. 

Os anos 50 trouxeron consigo o auxe do musical, da danza e do baile. Os adolescentes da época comezaron a bailar rock and roll, á imaxe e semellanza do que a xeración anterior fixo do charleston; nas proms americanas, os estudantes desfrutan de festas á súa altura, no que experimentan a amizade e o amor a miúdo por primeira vez. 

image

A xente moza quere divertirse e co optimismo e a rebeldía volta a esmorga. Semella que a cada época de crise a segue un período de recuperación caracterizado polo anhelo de felicidade, pola manifestación ruidosa da alegría; en ocasións falamos do desenfreo polo desenfreo, en círculos viciosos -nunca mellor dito- no que as personaxes se abandonan aos placeres inmediatos para esquecer os graves problemas que os axexan; mesmo nos últimos tempos, despois de dúas crises económicas case seguidas, parece que volven rexurdir as narrativas pragadas de troulas excesivas. 

image

En ocasións unha festa é algo máis que un contexto social. Ás veces serve para un determinado propósito narrativo que avanza a trama. Trátase dun ambiente cargado, cheo de persoas, que converten calquera acción nunha acción pública, a ollos de todo o mundo. Cecais por iso é o momento ideal para revelar un segredo. Porén, nunha festa multitudinaria os asistentes non adoitan facer moito caso do que ocorre ao seu arredor -demasiados estímulos- así que tamén é posible utilizar unha festa para ocultar a identidade dun personaxe -mellor, aínda, se a festa é unha mascarada- ou unha acción, como o bico tráxico de Michael Corleone ao seu irmán Fredo en The Godfather: Part II (Francis Ford Coppola, 1974)

image

Pero hai moitos tipos de festa. Hai celebracións puntuais relacionadas cun determinado acontecemento, pero tamén a troula urbana dos sábados á noite, no que non existe un motivo concreto que celebrar máis que a necesidade de pasalo ben. Tamén se representan no cinema as celebracións de salón decimonónicas onde se visten grandes vestidos, se baila o valse e se cea seguindo ríxidos protocolos, un contexto que en ocasións se converte nun campo de batalla para as urdimes dos aristócratas en materia de negocios e relacións.

image

Outras veces o mellor é rebentar a festa cun suceso inesperado. A aparición dunha personaxe misteriosa -ou ameazadora- ou un súbito estrondo -unha puñada, unha bomba, unha tormenta- resoan mellor cando ocorren no medio dunha celebracion; falamos do contraste, un vello coñecido desta bitácora: para amplificar unha emoción negativa é necesario establecer un punto de partida positivo, pois cando máis alta é a ascensión, máis dura é a caída. Por iso, situar unha mala nova ou unha sorpresa desagradable, é interesante situalo nun contexto de troula. Da mesma maneira, é un xeito óptimo de aumentar o suspense, reunindo nun espazo a unha gran cantidade de persoas susceptibles de convertérense en vítimas. 

Hai filmes como El Ángel Exterminador (Luis Buñuel, 1962), no que a propia festa é o verdugo dos seus asistentes, condenándoos a unha sorte de arresto domiciliario no que os seus modais burgueses, as súas máscaras sociais, van caendo conforme as personaxes se van desesperando. Tamén a esmorga acaba coas vontades de Cibrán, o Bocas e o Milhomes, protagonistas d’A Esmorga, o libro de Eduardo Blanco Amor e mailo filme de Ignacio Vilar (2014); é a espiral de autodestrución crecente a que os conduce entre licores e pelexas cara o seu final. 

image

En definitiva, a troula é unha parte máis da nosa humanidade, algo que leva con nós dende o berce da nosa existencia como unha homenaxe á nosa felicidade e benestar; o cinema só recolle eses anaquiños da cotiandade, máis importantes do que pode parecer a simple vista, e os transcende, os converte e os resignifica. 

Até o vindeiro episodio!